A Lei de memoria democrática supera o primeiro trámite para ser aprobada no Congreso

As formacións políticas con representación no Congreso instan o Goberno español a que negocie e incorpore novas medidas ao texto legal.
Congreso dos deputados. (Foto: Congreso)
photo_camera Congreso dos deputados. (Foto: Congreso)

A Comisión Constitucional do Congreso aprobou esta segunda feira o texto da nova Lei de memoria democrática. Trátase do paso previo á súa aprobación definitiva no pleno da Cámara baixa que decorrerá o vindeiro 14 de xullo.

As abstencións de ERC e JxCat permitiron ao Goberno de coalición sacar adiante un trámite que só contou cos votos en contra de Ciudadanos, PP e Vox, mais que recibiu críticas por parte dos partidos que apoiaron a investidura de Pedro Sánchez, como PNV, Bildu ou BNG, por non incorporar todas as emendas presentadas por estas formacións políticas.

De ser aprobada, a Lei de memoria democrática substituirá a Lei de memoria histórica que entrou en vigor en 2007, a iniciativa do Executivo socialista de José Luis Rodríguez Zapatero; pero que non anulara algúns puntos da Lei de amnistía aprobada en 1977. Esta era unha das emendas presentadas polo Bloque.

Entre as novidades que incorporaría a nova lei está que se declare a "ilegalidade" do franquismo e, por tanto, dos consellos de guerra, tribunais e xuízos, así como a nulidade das súas sentenzas; a definición de vítima do franquismo e a creación dun censo de persoas represaliadas.

Aliás, tamén se elaborará un mapa de fosas e o Estado español farase responsábel da procura de persoas desaparecidas e das exhumacións, xunto coa creación dun banco de ADN e a previsión do estudo obrigatorio da memoria histórica no ámbito educativo, xunto coa incorporación das mulleres á memoria.

Os partidos piden seguir negociando

Pese a apoiar ou absterse na votación da Comisión Constitucional, a maioría de formacións políticas instaron o Goberno español que siga negociando para incorporar outras demandas que aínda non están recollidas no actual texto legal.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, explicou que os "avances" da nova Lei de memoria democrática non evitarán que sexa unha "oportunidade perdida" se non se levan a cabo outras modificacións da lei.

Pola súa parte, o deputado de EH Bildu Bel Pozueta afirmou que o texto "segue adoecendo dunha visión crítica sobre o que supuxo o período de Transición e anos posteriores".

Comentarios