mércores 14/04/21

Nace Movemento Arredista, unha nova organización independentista para “sumar” pola “rutura democrática”

É a ferramenta política xurdida do proceso constituínte lanzado en outubro baixo o nome ‘Ruptura’.

 

Manifestantes portan a bandeira galega [Arxina].
Manifestantes portan a bandeira galega (Foto: Arxina)

O domingo 28 de febreiro tivo lugar a Asemblea Nacional Constituínte da ferramenta política que nace do proceso "Sumarmos forzas pola ruptura" lanzado en outubro de 2020, o Movemento Arredista. Un nome, indican nun comunicado, que quer reivindicar os sectores “máis consecuentes do soberanismo galego”, que fai agora 100 anos eran os primeiros en pular pola creación dun estado galego independente.

“Con ilusión encetamos este aposta política por erguer un espazo de transformación que se sustenta na democracia popular, na xustiza social e económica e no ecoloxismo, e entende a centralidade do feminismo como panca para unha transformación social radical. Que quere pór en valor o traballo colectivo fronte ao individualismo; a loita de clases, un municipalismo que sexa altofalante do poder popular e a ruptura coas falsas alianzas progresistas”, explican no comunicado.

Chaman a “sumar forzas co resto do movemento soberanista” no camiño cara á independencia nacional. “Constituímos unha organización que intervirá politicamente dende posicións de clase, con vocación unitaria e apostando aquí e agora por un programa de ruptura independentista (…) Unha organización que se marca como obxectivos prioritarios a formación de cadros políticos, a aposta por dar debates estratéxicos ademais de intervir politicamente no día a día, o compromiso militante para coordinar e organizar as forzas coas que intervirmos social e politicamente e a unidade de acción reforzando as organizacións de masas como o BNG e a CIG”.

Ao nacemento desta nova ferramenta chégase, lembran, após meses de debates e análises. “A pandemia evidenciou aínda máis as desigualdades sociais, a vulnerabilidade das persoas fronte ao capital e o lucro devastador deste sobre a vida de todas, todo isto incrementado pola nosa carencia de poder político como pobo”.

Unha realidade, engaden, para cuxa transformación “asumimos como único camiño posíbel a loita popular en chave independentista e socialista”.

comentarios