18-F

Así será o novo Parlamento da Galiza: 30 deputadas debutantes e maioría feminina

O Parlamento galego incorporará na XII lexislatura un total de 30 novos deputadas e deputados: 14 do Partido Popular, 9 do BNG, 7 do PSdeG e 1 de DO. Ademais, 39 dos 75 escanos do hemiciclo estarán ocupados por mulleres, un máis que a pasada lexislatura. Raúl Santamaría (PP) será o deputado máis novo no seu debut na Cámara galega.
Martina Aneiros (PP), Montserrat Valcárcel (BNG) e Patricia Iglesias (PSdeG), novas no hemiciclo. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Martina Aneiros (PP), Montserrat Valcárcel (BNG) e Patricia Iglesias (PSdeG), novas no hemiciclo. (Foto: Nós Diario).

O novo Parlamento da Galiza constituirase o próximo 18 de marzo. A partir dese día, un total de 39 mulleres e 36 homes ocuparán o seu escano no hemiciclo. Elas serán maioría, e unha máis que na pasada lexislatura.

Das en principio 39 mulleres que tomarán posesión como deputadas, 19 son do Partido Popular (representan un 47,5% ), 14 do BNG (56%) e 6 do PSdeG (66%). Porén, durante os próximos catro anos a Cámara galega non albergará a maioría feminina máis ampla da democracia. As mulleres superaron en número os deputados varóns por primeira vez entre 2009 e 2012, con 45 deputadas; tamén entre 2012 e 2016, 41, e alcanzaron a súa cota máis alta na X lexislatura, con 47 escanos de 76, 67% do total.

Contrastan estas cifras coas das lexislaturas iniciais no Parlamento galego. En 1981 tomaron posesión do seu cargo só tres mulleres (2 de UCD e 1 de Alianza Popular) e 2 en 1985. Apenas representaban o 3% da Cámara (1 de Alianza Popular e 1 do PSdeG).

En 2024, moitas das que asumirán a representación do pobo galego no pazo do Hórreo farano por primeira vez. Un total de 30 deputadas e deputados nunca antes pisaran o Parlamento galego para tomar posesión do seu propio escano. Destes, 18 son mulleres.

14 deputadas novas no PP 

De momento, o PP incorpora 14 caras novas á Cámara galega. Pola Coruña entran a ex delgada territorial da Xunta da Galiza en Ferrol, Marina Aneiros, e Roberto Rodríguez, secretario local do PP da Coruña e edil nesa cidade desde 2019. Javier Arias, delegado da Xunta en Lugo no último mandato, incorpórase por esta circunscrición. Xunto a el, o ex alcalde de Cervo (A Mariña) e conselleiro do Mar, Alfonso Villares; José Manuel Mato, con 12 maiorías absolutas no seu perfil, como alcalde de Paradela (comarca de Sarria), e Enrique Barreiro, tenente de alcalde de Friol (comarca de Lugo). 

Por Ourense entran Elena Rivo, a quen Rueda situou como conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en xuño de 2023, e Victoria Núñez, presidenta da xestora do PP na cidade das Burgas desde o pasado mes de outubro. Finalmente, incorpóranse por Pontevedra a empresaria Patricia García; María Martínez, actual xefa territorial de Infraestruturas e Mobilidade; Raúl Santamaría, profesor e concelleiro en Vilagarcía; a avogada Marta Mariño; Dolores Hermelo, concelleira en Cangas, e María Deza, primeira tenente de alcalde en Sanxenxo. A estes nomes hai que sumar outros que volven ao Hórreo, como o de Gonzalo Trenor, Gabriel Alén ou Antonio Rodríguez Miranda.

Caras novas no BNG 

O BNG incorpora nove caras novas ao seu grupo parlamentario, de 25. Pola Coruña entran Óscar Ínsua, avogado; Iria Taibo, tradutora e presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación, e Xosé Manuel Golpe, técnico especialista en enerxías renovábeis. Por Lugo debutan Montserrat Valcárcel, doutora en Enxeñaría Agrónoma e profesora da USC, e Iago Suárez, tradutor e xornalista. Desde Ourense Sonia Vidal, gandeira e concelleira en Xunqueira de Ambía, e Secundino Fernández, ex alcalde de Viana do Bolo. Por Pontevedra son novos Brais Ruanova, responsábel de organización do BNG na comarca de Vigo, e Ariadna Fernández, veterinaria e concelleira en Lalín.

Remuda no PSdeG

Das nove parlamentarias do grupo socialista so repiten dúas: Carmen Rodríguez e Paloma Castro. Entran a letrada da Xunta Patricia Iglesias, o ex reitor da UDC Julio Abalde e a directora da Fundación Luis Seoane, Silvia Longueira, as tres pola Coruña. Por Lugo ingresa o candidato á presidencia da Xunta polo PSdeG e deputado no Congreso José Ramón Gómez Besteiro e Lara Méndez, alcaldesa de Lugo desde 2015 até 2024. Por Pontevedra estréanse Elena Espinosa e Carlos López Font, ambos os dous concelleiros en Vigo.

Democracia Ourensá

Democracia Ourensá entra na XII lexislatura na Cámara galega como formación cun único deputado que tamén será debutante no hemiciclo do pazo do Hórreo: Armando Oxea, licenciado en Físicas e vicepresidente segundo da Deputación de Ourense en 2019.


Até seis deputadas e deputados inician a lexislatura con menos de 35 anos

O deputado electo do PP Raúl Santamaría (Vilagarcía, 1998), un dos 'mozos da Arousa' así coñecido pola súa participación nun concurso de televisión, estrearase no Hórreo como o deputado máis novo, con 26 anos en 2024. Coma el, outros cinco parlamentarios –todos do BNG– naceron na década dos 90. Iago Suárez (Chantada, 1997), Daniel Castro (Ribadeo, 1996), Paulo Ríos (Moaña, 1993), Brais Ruanova (Vigo, 1992) e Iria Carreira (Arzúa, 1991).

Comentarios