18-F

Un Parlamento que consolida a súa maioría feminina

39 dos 75 escanos do Parlamento que sae das eleccións do domingo están ocupados por mulleres. É 1 máis que na pasada lexislatura e 36 máis que a primeira Cámara galega, onde só tres representantes eran mulleres. Porén, foron as lexislaturas entre 2009 e 2020 cando máis deputadas houbo no órgano lexislativo.

Pleno extraordinario do Parlamento da Galiza. (Foto: Europa Press)
photo_camera Pleno extraordinario do Parlamento da Galiza na lexislatura que vén de finalizar. (Foto: Europa Press)

O novo Parlamento que se constitúa a raíz dos resultados electorais deste domingo estará composto por 36 homes e 39 mulleres, o que supón 1 máis que na anterior lexislatura (11), onde eran 38 deputadas fronte a 37 deputados.

Desas 39 mulleres que tomarán posesión do seu cargo na nova Cámara galega, 19 son do Partido Popular (que representa 47,5% do seu grupo parlamentario, composto por 40 escanos), 14 do BNG (56%) e 6 do PSdeG (66%).

Esta presenza de mulleres contrasta coas primeiras lexislaturas da Autonomía galega, onde as deputadas eran algo case que anecdótico. Na primeira lexislatura (1981-1985) había só 3 representantes femininas entre o total de 71 escanos. Dúas eran da UCD e 1 da Alianza Popular.

Mais esa presenza era aínda máis minoritaria na segunda lexislatura da Cámara galega (1985-1989), onde só había 2 deputadas (1 de AP e 1 do PSdeG), o que supón que as mulleres representaban apenas 3% dos escanos.

O primeiro avance importante decorreu na terceira lexislatura, que comprende os anos entre 1990 e 1993, cun Parlamento xa de 75 deputados e onde 10 dos escanos estaban ocupados por mulleres, o que supuña 13% do total. Na seguinte, 1993-1997, aumentou a 14 a representación feminina, o que supuña 19% do total.

Desde 2009, as mulleres son maioría na Cámara galega

Na quinta lexislatura -1997/2001- esa presenza aumentou a 21%, ao haber 16 deputadas, das que 10 eran do PP, 3 do BNG e 3 da coalición formada por PSdeG, Esquerda Unida-Esquerda Galega e Os Verdes.

Na sexta (2001-2005) deuse un salto importante, pois as mulleres pasaron a ser 40% dos escanos: 30 deputadas. Mesmo número e porcentaxe (30 escanos e 40% do total da Cámara) supuxo o peso feminino na sétima lexislatura, 2005-2009.

Lexislaturas históricas

Entre 2009 e 2012 as mulleres pasan ser maioría na Cámara galega. 45 dos 75 escanos están ocupados por mulleres, o que representa 66% do total. Desas deputadas, 25 son do PP, 8 do PSdeG, 4 de AGE e 4 do BNG. Na seguinte lexislatura, a novena, entre 2012 e 2016; baixa esa representación mais continúa a ser maioritaria: 41 mulleres no Parlamento, 55% do total.

É na seguinte, entre os anos 2016 e 2020, cando a Cámara ten no seu seo o maior número de deputadas, 47 de 76, 67% do total. 25 do PP, 10 de En Marea, 8 do PSdeG e 4 do BNG.

Unha representatividade que cae na lexislatura que se fechou este domingo, a undécima (2020-2024), con 38 deputadas. Na que se abre agora aumenta ese número até 39. Nos grupos parlamentarios do BNG e PSdeG a presenza feminina é maioritaria. 

Comentarios