28-M

Moaña reivindica un centro de saúde propio con todos os servizos após ano e medio de protestas

A veciñanza leva xa 18 meses mobilízandose cada semana para demandar recursos sanitarios.
Leticia Santos e Montse Prado xunto a membros das plataformaas locais de Moaña pola sanidade pública. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Leticia Santos e Montse Prado xunto a membros das plataformaas locais de Moaña pola sanidade pública. (Foto: Nós Diario)

A alcaldesa de Moaña, na comarca do Morrazo, acompañada pola deputada nacionalista e presidenta da comisión de Sanidade no parlamento, Montse Prado, reivindicaron a sanidade pública como a única vía "para garantir a atención a todas as persoas sen importar a súa condición". Ao pé da parcela que o Concello de Moaña cedeu á Consellaría de Sanidade para a construción do centro de saúde polo que o Goberno de Leticia Santos leva pelexando "desde 2015", dixo, profundaron na situación da Atención Primaria, tanto a nivel local como galego.

De se manter o orzamento que se destinaba ao primeiro nivel da sanidade en 2009, na Galiza teríanse investido desde entón en Atención Primaria 2.339 millóns de euros, calculou Montse Prado. Mais cada ano fóronse deixando de investir arredor de 200 millóns, engadiu, o que explica "esta deterioración permanente". 

"Galiza é a penúltima comunidade en investimento en Atención Primaria, só por diante de Madrid; a cuarta pola cola en pagar ao persoal, a quinta en investimento en sanidade por habitante", resumiu tras censurar que desde a Xunta non fixeron caso dos avisos para garantir un relevo xeracional que agora se limitan a xustificar con un "non hai médicos, sen reparar na precarización laboral, con contratos por días que foi expulsando os profesionais da Galiza".

Fronte á inacción do Goberno galego chamou a "reaccionar” e sinalou como exemplo o Goberno de Moaña, liderado por Leticia Santos. "Somos a única vila en Pontevedra de case 20 mil habitantes que non ten centro de saúde", explicou durante un acto electoral no que destacou o traballo de "confrontación" que mantivo coa Consellaría de Sanidade até lograr o compromiso da Xunta para construír o centro de saúde de Sisalde, unha demanda que manteñen desde 2015, sempre ao carón da Mesa pola Sanidade e a plataforma local en Defensa pola Sanidade Pública.

"Foi un traballo intenso e incesante", tamén para que Sanidade integrase dous servizos fundamentais como de Odontoloxía e Urxencias. Moaña entregoulle ao Sergas a "súa mellor parcela" en setembro, afirmou Leticia Santos, mais as obras aínda non comezaron.

"Quen adía e priva a veciñanza de ter un centro saúde con todos servizos de saúde non é o Concello, está claro", concluíu antes de asegurar que o BNG de Moaña estará sempre ao carón da veciñanza, que debe escoller "se quere un Goberno que a acompañe en todas as instancias, tamén na rúa, ou un que trague até con rodas de muíño".

Neste sentido, lembrou, "mañá mesmo cumprimos ano e medio de protestas semanais consecutivas" que piden recuperar a quenda de tarde, as urxencias –centralizadas en Cangas durante a pandemia– e un servizo de ambulancia extra.

Comentarios