O ministro de Exteriores cre que Sánchez e Torra poderán falar “de todo” na súa reunión

Josep Borrell foi cuestionado sobre a posibilidade de abordar o referéndum pactado e cre que poderán formular “todas as cousas que cada un queira”

Josep Borrell. 30 de setembro de 2016
photo_camera Josep Borrell.

Con motivo da Comisión de Asuntos Exteriores, o ministro Josep Borrell acudiu ao Congreso para comparecer por primeira vez como xefe da diplomacia española. Interpelado pola prensa, o político afirmou descoñecer a orde do día da reunión que a vindeira segunda feira manterán o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o da Generalitat de Catalunya, Quim Torra. Porén, Borrell amosouse seguro de que ambos poderán falar “sen cortapisas”.

"Por que non se vai poder falar de todo? Non se lle vai prohibir ao señor Torra que diga o que queira dicir", retrucou Borrell, explicitando que na conversa podería ser abordado o referéndum pactado que demanda o independentismo catalán. No entanto, Pedro Sánchez xa advertiu que o seu Goberno rexeita esta votación que pide Torra. En último lugar, o ministro manifestou descoñecer se o ex presidente da Generalitat Carles Puigdemont precisa a escolta que foi habilitada por decisión da Generalitat catalá. Josep Borrell subliñou que el é ministro de Exteriores, non de Interior.

Comentarios