Militantes de Anova demandan unha aposta clara pola alianza con EU e Podemos para as Galegas de 2020

A formación realiza este sábado en Teo a súa IV Asemblea Nacional.

Anova2
photo_camera Imaxe de arquivo dunha asemblea de Anova.

Un grupo de militantes de Anova presentou unha serie de emendas á tese política elaborada pola dirección da organización de cara á IV Asemblea Nacional que ten lugar este sábado en Teo, comarca de Santiago. Nelas, propoñen que a postura do partido sexa máis clara cara a continuar coas alianzas mantidas con forzas como Podemos ou Esquerda Unida coa vista posta nas eleccións galegas de 2020.

Estas emendas, ás que tivo acceso Europa Press, foron avaladas pola comisión configurada para avaliar os textos que serán sometidos a debate e votación no conclave deste sábado, do que sairá a postura de Anova para as galegas previstas para o próximo ano.

Unha cita na que non participará o ex alcalde de Manzaneda e deputado no Parlamento galego, Davide Rodríguez, que se desvinculou de Anova -partido no que militaba desde o nacemento da organización en 2012- hai seis meses, cando o Grupo Parlamentario de En Marea se dividiu após meses de desavinzas internas.

Davide Rodríguez

En declaracións a Europa Press este mércores, Rodríguez desexou "o mellor" ao seu ex partido e expresou o seu desexo persoal de que "a esquerda nacionalista" configure unha candidatura unitaria para a cita coas urnas do próximo ano como vía para contribuír "a botar a Feixoo da Xunta".

Un grupo de persoas entre os que se atopan a ex concelleira de Culturas en Compopstela Branca Novoneyra e outras persoas militantes como Cristina Amor, Antón Dobao ou Pepe Arias; subscriben unha serie de propostas para reconfigurar a tese política exposta pola Dirección e suavizar as críticas cara aos seus aínda socios na Cámara galega, Podemos e EU, aos que a cúpula da organización acusa de impor os seus intereses "de parte".

Así, estes militantes queren que Anova realice unha formulación máis clara que o que pon sobre a mesa a Dirección cara á configuración dunha candidatura de confluencia nas eleccións autonómicas.

Ademais, realizan unha crítica velada cara á decisión da Dirección de Anova de non presentarse ás eleccións xerais de abril e novembro após non frutificar as conversacións con EU e Podemos, forzas que finalmente configuraron a coalición En Común, que obtivo dous deputados.

Deste xeito, nunha emenda de engadido, cren que a "capacidade de incidencia" da organización "en diferentes espazos sociais e institucionais" mudou neses anos, polo que subliñan que "non é a mellor das opcións perder iniciativa no campo político-electoral".

Unidade Popular

"O ámbito político-electoral, insuficiente pero necesario, é ademais unha fonte irrenunciábel de mobilización e de toma de conciencia popular. E nela é necesario seguir insistindo", remarcan estes militantes, que propoñen que na tese que saia deste conclave figure un compromiso expreso con que a "acción política" de Anova pase "necesariamente" pola unidade popular.

Outro dos puntos do documento proposto pola Dirección que estes militantes expoñen mudar é a análise que se realiza sobre os acontecementos rexistrados no espazo político nos últimos tempos e no que expresan o seu descontento co trato recibido por parte dos seus socios.

Cre que nas Xerais e Municipais deste ano "o trato que se dá" a Anova e as mareas locais "foi mostra da vontade de minorizar e subalternizar un espazo común que a pesar de todo segue tendo un potencial moito maior do que as silgas de parte teñen", di o documento nunha alusión velada a EU e Podemos. "En lugar de cooperación óptase pola imposición", engade.

Por contra, o grupo de militantes considera que Anova debe "formular en positivo" e a "lectura" do sucedido "debe facerse nun informe de xestión" e non a través dunha tese política. "Entendemos que non se trata de saldar contas senón de formular unha nova oportunidade".

Comentarios