As 'mareas' municipalistas encaran as eleccións de 2023 entre o apoio a Yolanda Díaz e o receo a unha nova En Marea

Responsábeis de Compostela Aberta, Marea Atlántica, Ferrol en Común, Marea de Vigo e Ribeiro en Común opinan sobre o proxecto político que está a artellar a ministra de Traballo, Sumar.
A vicepresidenta e ministra de Traballo, Yolanda Díaz (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera A vicepresidenta e ministra de Traballo, Yolanda Díaz (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

As 'mareas' municipalistas enfrontan o vindeiro ano o seu primeiro exame 'en solitario', especialmente en cidades como Compostela, Ferrol ou A Coruña que aspiran a recuperar após pasaren a mans do PSdeG nos comicios de 2019.

Algunhas destas candidaturas, en declaracións a Europa Press este sábado, móstranse reticentes a construír un novo espazo común como foi no seu día En Marea. Outras, porén, avogan por achegarse ao proxecto de Yolanda Díaz, Sumar.

Rubén Pérez (Marea de Vigo)

O concelleiro da Marea de Vigo e dirixente de Esquerda Unida, Rubén Pérez, ve con "expectiva" unha plataforma política "que dea continuidade" á idea exposta por Díaz. "Hai que recuperar o que se falou na orixe da Marea", logo do "fracaso do partido instrumental".

Jorge Suárez (Ferrol en Común)

O ex alcalde de Ferrol, Jorge Suárez (Ferrol en Común), defende que as mareas "non son unha especie en perigo de extinción", ao tempo que traslada "todo" o seu apoio á ministra de Traballo, tamén ferrolá. "Temos que sumar a maior cantidade de apoios e os partidos teñen que ser acompañantes; non é máis que unha continuación do que se fixo na Galiza", apuntou.

Marta Lois (Compostela Aberta)

A portavoz de Compostela Aberta, Marta Lois, subliñou que a súa é unha formación "consolidada" na capital galega e centrada no plano local. "E vai seguir traballando e escoitando de maneira activa" para 2023, asegurou. Sobre a posibilidade de artellar un novo espazo colectivo, dixo que "aínda é cedo" para falar diso, se ben tamén salientou que CA "é un suxeito claramente local, pero busca construír un espazo colectivo en relación doutros proxectos máis de corte estatal".

María García (Marea Atlántica)

A portavoz da Marea Atlántica coruñesa, María García, fixo énfase nas "boas relacións" entre as candidaturas municipalistas, emprazadas a "facelo máis". No que atinxe ao proxecto de Yolanda Díaz, opinou que "soa ben e coñecido", se ben matizou que non se determinou aínda posición ninguna ao respecto.

Brais Fidalgo (Ribeiro en Común)

Brais Fidalgo, responsábel de Ribeiro en Común e vinculado a Anova, defendeu "colaborar" en todos os foros e en "compartir experiencias", mais sen aventurar posicións sobre proxectos futuros, porque "todo vai a unha velocidade moi grande e o que agora pacería unha seguridade, logo non".

Comentarios