Marta Lois: "Que a esperanza que se viu na campaña electoral se traduza nas urnas"

A candidata á presidencia da Xunta por Sumar Galicia, Marta Lois, fixo un chamamento á participación democrática e "a que as urnas se enchan de papeletas".
Marta Lois, votando no IES Fraguas de Santiago de Compostela. (Foto: EP).
photo_camera Marta Lois, votando no IES Fraguas de Santiago de Compostela. (Foto: EP).

Pouco antes das 12 horas desta xornada electoral, Marta Lois votou mostrando a súa "ilusión" porque os galegos e galegas poidan "escoller o seu futuro" ante os medios de comunicación diante dunha das mesas do IES Antón Fraguas, en Fontiñas, barrio da capital galega.

A candidata de Sumar Galicia, acompañada do portavoz, Paulo Carlos López, trasladou á prensa que ten "a sensación de que hoxe vai ser un día moi especial" no que a xente "vai entender" que a partir do 19 de febreiro "haberá un cambio moi importante".

De igual modo, Lois espera para este domingo unha "alta participación", así como que a "esperanza" que se viu durante a campaña electoral "se traduza nas urnas".

"Que non quede ningunha papeleta en casa, porque votar vai de cuestións tan importantes como o dereito á vivenda, o dereito á sanidade pública ou o dereito a ter unha atención primaria adecuada. Vai da transición verde, vai de feminismo, vai dos dereitos fundamentais dos galegos e as galegas", defendeu Lois.

Para concluír, Lois tamén explicou que en apenas cinco minutos acudiría a ver á súa filla a xogar un partido de baloncesto, xusto no pavillón de Fontiñas, a escasos metros do colexio electoral, e que, máis tarde, daría un paseo e comería acompañada do seu equipo, para así esperar ao feche das urnas.

Comentarios