ANTÓN SÁNCHEZ

"En Marea, PSdeG e BNG debemos comprender que a alternativa ao PP é hoxe plural"

Portavoz nacional de Anova e viceportavoz parlamentar de En Marea, Antón Sánchez é unha figura ascendente no taboleiro político galego. E esta sexta feira no #VenhanMais5 deíxanos as súas impresións actuais e as súas visións de futuro.

Antón Sánchez
photo_camera Antón Sánchez

-Como avalías o estado actual da política galega?

-Vivimos tempos de aceleración histórica, nos que mudou sustancialmente o mapa político galego. Principalmente polo xurdimento de AGE primeiro, polas mareas municipais despois e por En Marea finalmente. Estes cambios políticos, que foron pioneiros no Estado español, non son casuais, senón froito da nova realidade económica e social, con capas amplas da sociedade que focaliza no réxime e no sistema os seus problemas á hora de desfrutar dunha vida digna.

Un feito moi relevante tamén é a frustración por non ter mudado o goberno no Estado nin en Galiza, desaloxándoos cunha alternativa política plural, diversa e condenada a colaborar se quere derrotar á dereita.

-Que evolución agardas da política galega a cinco anos vista?

-Agardo que o espazo de unidade popular se artelle de acordo cos principios enunciados, que se pareza máis ao que decimos que ten que ser, na proposición de alternativas verdadeiramente transformadoras no económico, no social, no ambiental, e para que Galiza acade a necesaria soberanía para mellorar as condicións de vida de galegos e galegas.

Que se fortaleza a loita nas institucións, pero tamén na rúa, e se conforme un contrapoder ao Réxime.

Agardo que tanto En Marea, como PSdeG e BNG, comprendamos que a alternativa ao PP é, hoxe en día, plural e polo tanto que practiquemos dentro do posible a colaboración. Isto non significa que non se expresen diferenzas políticas evidentes, pero sempre tendo en conta a responsabilidade que temos en artellar esa alternativa.

Son imprescindibles medios que lle dean voz aos galegos e galegas, traballadores e traballadoras, e que fagan un xornalismo crítico co poder

Segue a haber condicións para derrotar a dereita, cun PP percibido maioritariamente como un partido corrupto, e que coas súas políticas incrementa as desigualdades e inxustizas sociais.

Esa combinación fai posible o cambio si se constrúe ben a alternativa política que recolla ese sentimento da necesidade de cambios máis profundos que o simple cambio de inquilinos.

-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?

-Cando falamos que só dende as institucións non se pode mudar realmente as cousas, tamén o dicimos por exemplo, de que é necesario que as maiorías sociais teñan voz e emitan un discurso propio fronte ao discurso dominante que ten o obxetivo de perpetuar o estado actual para protexer determinados intereses.

Aí son imprescindibles medios que lle dean voz aos galegos e galegas, traballadores e traballadoras, e que faga un xornalismo crítico co poder.

Agardamos que Sermos sexa un exemplo disto.

Comentarios