Vázquez Verao alega que o conselleiro encarregado das políticas sociais, Rey Varela, "dá mostra de non entender o alcance real da pobreza na Galiza".
A parlamentar de En Marea propón a adopción de tres medidas para "evitar a exclusión dos galegos afectados pola crise", di a confluencia nun comunicado de imprensa.
A primeira das medidas sería a publicación imediata do Decreto que desenvolva a Lei 10/2013 de Inclusión Social da Galiza, en diálogo aberto "con sindicatos, asociacións e entidades que traballan sobre a pobreza e a inclusión social". Para a confluencia, o decreto é esencial para pór fin á "arbitrariedade e o funcionamento a base de instrucións na concesión da RISGA".
A segunda medida pasa por deixar atrás a austeridade e "dotar con máis fondos as políticas de inclusión e os servizos comunitarios" e nesa dirección trataríase de -"cara aos orzamentos de 2018"- aumentar as partidas destinadas á RISGA "permitindo o desenvolvimento dos tramos de transición ao emprego".
Por último, En Marea insta a Xunta a que defenda a consideración da pobreza infantil como un problema central dentro do Pacto pola Infancia que está a promover UNICEF.