Antón Sánchez fala de “deficiente xestión”

En Marea denuncia que a Xunta deixou sen gastar un terzo dos fondos europeos

Segundo o informe que o Consello de Contas vén de entregar ao Parlamento de Galiza, a Xunta “deu de baixa durante o exercicio 2016 278 millóns de euros dun total de 788 de crédito inicialmente dispoñíbel”. “Foi por incapacidade de xestinalos”, afirma o deputado de En Marea Antón Sánchez.
 

Antón Sánchez
photo_camera O viceportavoz de En Marea no Parlamento Antón Sánchez. Foto: cedida.

“A incapacidade de xestión do Goberno de Feixóo demóstrana os datos que se desprenden do informe de fiscalización dos fondos europeos”, sinala o parlamentario nunha nota de prensa. As “baixas” -é dicir, o crédito que a Xunta deixou de gastar”- resultaron aínda máis elevadas de atender a programas concretos: no Feder 2014-2020 foi do 75%; no Feder para o mesmo período do 62%; e no FSE, tamén para 2014-2020, do 36%.

Para Sánchez, que se apoia no documento do Consello de Contas, “non é alleo a esta deficiente execución o feito de se aprobar o PDR 2014-2020 en novembro de 2015, o que provocou que moitas das liñas incluídas no PDR para 2016 non se puidesen nin iniciar”.

En Marea considera, a través do seu viceportavoz Antón Sánchez, que a “deificiente xestión” dos cartos europeos afectan á “innovación, investigación, tecnoloxía, sostibilidade, cambio climático e economía dixital”. “Supón unha perda de impulso económico e de moitos proxectos e subvencións, evidenciando que o Goberno galego é incapaz de xestionar eficazmente os recursos que a Unión Europea pon a disposición da Xunta”, conclúe.

Comentarios