Entrevista

Luís Pérez, alcalde de Ribeira: "Despois de 30 anos do PP, este vai ser o concello do diálogo coa veciñanza"

Alcalde á fronte dunha coalición, “que funciona magnificamente como un Goberno unido”, Luís Pérez Barral (Ribeira, 1990) é o flamante novo alcalde dunha cidade que levaba máis de tres décadas baixo gobernos do Partido Popular.
Luís Pérez Barral, alcalde de Ribeira (O Barbanza) (Foto: Xan Carballa).
photo_camera Luís Pérez Barral, alcalde de Ribeira, na comarca do Barbanza. (Foto: Xan Carballa).

—Por idade vostede representa moi ben un novo período xeracional na acción política do nacionalismo galego. Sinto curiosidade por como foi o seu achegamento a ese compromiso.
Cheguei con 21 anos, que foi cando me afiliei no medio dun tempo de crise económica e social grande. Víanse situacións de moita inxustiza. O primeiro acto ao que fun como simpatizante foi relativo ao dereito básico a unha vivenda digna, algo básico, que calquera persoa teña dereito a unha vivenda digna na que poder vivir e acoller a súa familia. Foi ese enfoque que lle ouvín a aquelas persoas do BNG o que me comprometeu para aportar o meu grao de area a construír unha sociedade igualitaria e mellor.

—Aínda que dentro duns anos parecerá unha pregunta impertinente e case reaccionaria, que valor político dá a presenza abertamente pública dunha persoa homosexual á fronte dunha alcaldía, cando non hai tanto tempo moitos políticos, e aínda hoxe, tiveron que ocultar a súa vida real?
Todo o mundo pode ver xa con naturalidade que unha persoa homosexual pode ter un posto de responsabilidade no seu concello. Creo que é algo xa normalizado e eu non agacho a miña condición sexual. Aí demóstrase que a mudanza que se produciu o 28 de maio chega a moitos ámbitos. Como alcalde, rompo moitos teitos: primeiro alcalde nacionalista de Ribeira e primeiro que pertence a unha minoría afectivo-sexual, e iso hai que poñelo en valor como algo positivo. Ribeira tamén é diversa non só coas súas políticas á hora de dar visibilidade a colectivos que non estaban.

—Ribeira é unha das cidades medias galegas, que roldan os 30.000 habitantes, nas que se ve que o BNG gaña terreo político.
Aquí fíxose un traballo inmenso nos últimos catro anos, que se viña sementando desde moito atrás. Se aquí hai hoxe alcaldía é polo traballo de décadas de moita xente que é obriga miña agradecer. É un cambio histórico despois de 36 anos de Gobernos de dereita. Mudamos esa tendencia na que o PP gañaba sempre, e por iso debo agradecer tamén ás outras dúas forzas que forman o Goberno, sen as que non se podería facer esa mudanza en marcha.

—Aínda que as sutilidades desta nova situación coñécenas mellor aquí, desde fóra vese que tivo que producirse unha división profunda na dereita para que finalizase esa hexemonía continuada do PP.
Son moitos factores. Viñamos dun alcalde que non escoitaba a poboación [Manuel Ruíz Rivas, foi alcalde entre 2011 e 2023] e non contaba con ninguén, pero houbo unha oposición forte cun traballo constante. O BNG colleu o pulso das reivindicacións sociais e estivo sempre a carón da xente, como na loita polo club de remo en Aguiño, a loita pola sanidade pública en Corrubedo e Palmeira, e outras moitas loitas. E tamén as outras forzas que hoxe están no Goberno captaron ese desacordo e puidemos entre todos pór fin a esa época do PP.

—Co PSdeG-PSOE dáse case por suposto, pero é doada a convivencia coa outra forza, o Partido Barbanza Independente (PBBI)?
É unha convivencia extraordinaria, traballando como un equipo único, coordinado e en constante diálogo. Somos o Goberno de Ribeira que pon por diante os intereses dos veciños e veciñas.

—Destacaron moitas frases do seu discurso de toma de posesión, vindo dunha forza de esquerda vostede dixo que o verdadeiro heroísmo é trocar os desexos en realidades. 
Desde a política municipal temos que atender as necesidades da poboación. Tanto nós como PBBI ou PSdeG, enfocámonos moito no día a día. Mentres o Goberno anterior gastaba en grandes obras de cemento, como o auditorio, que ía custar 2,5 millóns de euros e xa vai chegar aos 7 millóns, nós queremos ir ao cotián, levar auga e saneamento onde non o hai, mellorar a limpeza dos espazos públicos, que as prazas teñan fontes, que haxa máis zonas verdes, que a poboación maior teña atención cuns servizos no fogar ou mobilizar a vivenda baleira máis alá dos usos turísticos.

—Ribeira é unha potencia no sector pesqueiro e falan da necesidade dun polígono industrial do que carecen, aínda que as competencias do concello son limitadas.
A nivel económico, queremos materializar ese polígono que tanto precisamos, porque levamos 30 anos sen un metro cadrado no que asentar ou ampliar as empresas que temos. Algunha tan relevante como Cerqueira tivo que marchar para Rianxo porque aquí non había terreo industrial. Queremos tamén favorecer que as rúas teñan vida para que a poboación poida consumir nos comercios e tendas de aquí.

Ribeira é mar e por iso creamos unha Concellaría específica cun profesional que coñece o sector coma ninguén, e teremos unha interlocución directa co sector para potenciar que ese mar que tanta vida e tanto PIB nos achega (o 32%) teña futuro, que o porto de baixura siga a ser dos máis importantes de Europa, con peiraos ben mantidos e que os mariñeiros teñan unha persoa no concello coa que falar directamente e coñeza de primeira man os seus problemas.

—No Barbanza, o concello de Ribeira é o que achega máis riqueza. A economista María Cadaval ten falado de que aínda hai moito camiño a percorrer na potencialidade ligada ao mar. Ten que ver só con esa falta de solo industrial?
Ese sería o primeiro chanzo, pero tamén temos que diversificar máis alá da baixura e a conserva e xerar fluxos económicos diversificados. Penso en crear polos de investigación ligados ao sector, con perfís de alta cualificación que poidan asentarse en Ribeira e no económico facer políticas potentes de comercio local. Por iso, de entrada, continuaremos co bono-comercio que, como BNG, sacáramos adiante desde a oposición.

— Nese discurso inicial referiuse moito a que, para ter éxito, un Goberno debe fomentar a participación social na vida política. 
Imos ser o Goberno da xente e da participación. Estabamos habituados a que só puidese opinar a cidadanía cada catro anos, e agora imos facer un cambio importante. Primeiro recibindo no Concello e na Alcaldía todo o mundo, votase quen votase, e imos organizar consellos parroquiais aos que o Goberno se vai achegar cada ano para recoller as necesidades e as prioridades, e incorporalas aos orzamentos.

— As reivindicacións en sanidade seguen vivas?
Aínda segue o problema. Corrubedo segue a manifestarse cada semana para pedir un médico a tempo completo, todos os días, porque a Consellaría retirou horas de dedicación, cando é unha parroquia moi distante do centro urbano e cun transporte público deficiente. E o propio centro de saúde de Ribeira segue a ter un 50% menos de traballadores da sanidade que precisa. Xa pedín reunirme co conselleiro, tendémoslle a man á Xunta da Galiza e poñémonos á súa disposición para o que precise e poder solucionalo, pero ao mesmo tempo seguiremos a carón dos veciños, como antes, na oposición.

— Os concellos veñen queixándose, desde hai anos, de que cos seus orzamentos limitados teñen que facer fronte a moitos gastos en competencias que non lle son propias, por exemplo no que atinxe a gastos sociais crecentes canto máis envellece a poboación.
Ribeira é un concello sen orzamentos desde o ano 2021, e estamos elaborando e esperamos aprobar xa os de 2023 neste mes. Pero os concellos debiamos ter moitos máis recursos para esas competencias que recaen en nós, porque somos a primeira Administración pública á que accede a xente. A Xunta debería facer un mellor reparto e tamén o Estado debería aumentar o financiamento da Administración local.

—Desde o BNG defenderon a comarcalización. Como funciona a mancomunidade de Arousa-Barbanza?
Aí coordinamos e temos competencias delegadas en políticas de Turismo os catro concellos (Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo). Pero temos que ir a máis e é unha oportunidade que os alcaldes que estamos agora á fronte teñamos unha mesma sensibilidade progresista, para mancomunar e compartir servizos e aforrar así cartos públicos para outros usos. Temos que sentar a falar e farémolo.

En canto ao Turismo, que ten un impacto económico crecente, creo que debemos enfocarnos non tanto a que medren o número de visitantes como a lograr que fagan vida e consumo nos nosos concellos. O turista debe poder consumir e mercar nos nosos negocios máis que conseguir que veñan en máis cantidade pero pasen sen deixar riqueza ningunha.

Comentarios