Lugo presenta unhas contas que ascenden a 121,8 millóns

Os orzamentos recollen as achegas das veciñas e dos veciños.
Rubén Arroxo e Lara Méndez, esta terza feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Rubén Arroxo e Lara Méndez, esta terza feira. (Foto: Nós Diario)

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez (PSOE), e o tenente de alcaldesa, Rubén Arroxo (BNG), presentaron esta terza feira o proxecto de orzamentos municipais da cidade previsto para 2024, que ascende a 121,8 millóns de euros. 

En palabras de Méndez, trátase dun "exercicio ao que se chega após o diálogo permanente coa cidadanía para coñecer as súas necesidades, polo que son os orzamentos da veciñanza". A alcaldesa destacou que os de 2024 serán os orzamentos máis elevados da historia da cidade das murallas: 121.855.425 euros, o que supón un incremento dun 3,27% con respecto a 2023.

Pola súa parte, Arroxo, deu conta das partidas das cinco áreas dependentes da Tenencia de Alcaldía, deseñadas baixo a idea de "continuar a avanzar no proxecto" co que levan "anos mellorando Lugo, facendo unha cidade máis amábel para as persoas". Destacou que o orzamento permitirá "continuar cos proxectos xa iniciados e avanzar no tempo novo que abrimos desde o Goberno, cun Lugo que aproveite o seu patrimonio histórico e natural". 

No que respecta a Mobilidade e Infraestruturas, Arroxo anunciou o investimento de 460.000 euros para o barrio de Recatelo, así como a renovación do muro de Frei Plácido Rei Lemos, con 770.000 euros. As pavimentacións nas zonas urbanas e periurbanas contan cun orzamento de 800.000 euros.

O plan de renovación de alumeado público continuará, tamén, en 2024, con 130.000 euros. En canto á área de Participación, Arroxo destacou un investimento de 145.000 euros para mellorar as instalacións da praza de abastos e 180.000 para investimentos no cemiterio municipal, onde se incluirá un espazo para mascotas

Pola súa parte, a área de Cultura manterá unha "ampla programación" todo o ano, cunha partida de 600.000 euros, "apostando polo tecido cultural local" e reservando 757.000 euros para San Froilán.

Comentarios