A loita pola sanidade e o emprego trasladouse ás urnas

As comarcas de Verín e Viana, o concello de Xove, na zona da Mariña; ou o de Cedeira, en Ferrolterra; son algúns dos emprazamentos onde o PP experimentou unha caída máis forte nas eleccións do 12-X. Precisamente, todas estas zonas protagonizaron nos últimos meses masivas protestas.
Un traballador de Alcoa, co uniforme da fábrica, votou nas eleccións do 12-X en Burela (Carlos Castro / EP)
photo_camera Un traballador de Alcoa, co uniforme da fábrica, votou nas eleccións do 12-X en Burela (Carlos Castro / EP)

Verín Non se Fecha, o movemento contra o desmantelamento da sanidade pública no hospital verinés, puxo esa comarca e o país en pé de guerra baixo a bandeira do feminismo, da defensa dos servizos públicos e do dereito a vivir con calidade no rural, exixindo á Xunta que rectificase a súa decisión de eliminar a sala de partos do hospital comarcal.

A protesta tamén chegou ás eleccións galegas nesta zona, onde o PP sufriu a caída máis forte de apoio nas urnas de toda a Galiza. Até en 12 concellos que rodean o hospital comarcal verinés o PP rexistrou unha pronunciada baixada.  

Na comarca de Verín os de Alberto Núñez Feixoo perderon 9,93 puntos de apoio e na de Viana 7,5, a respecto dos resultados logrados nos comicios de hai catro anos. Nesta ampla zona, a maior perda de confianza levouna o PP en Laza (caeu máis de 12 puntos), así como en Verín (11,43 menos), A Gudiña (perdeu 10,84) e Vilariño de Conso (baixou 8). En Vilar de Barrio, no linde coa comarca de Verín, o PP baixou máis de 14 puntos.

O resultado foi inversamente proporcional para o BNG, que se situou como segunda forza na maioría destes concellos, recollendo, por exemplo, en Vilar de Barrio un incremento de 26 puntos, 21,8 máis en Vilariño de Conso, e subiu 18,5 en Verín, 17,26 en Laza e 16 en Monterrei. Aínda que cunha suba inferior, o PSdeG tamén creceu 2 puntos na comarca de Viana e 3 na de Verín. No outro extremo do país, en Cedeira, tamén se atopa outro dos puntos onde o PP experimentou a súa maior caída electoral, e onde tamén se produciron importantes mobilizacións a prol da sanidade pública da man do movemento Pediatra Xa! A veciñanza mobilizouse para reclamar o restabelecemento do servizo pediátrico. Nas urnas cedeirenses, os de Feixoo perderon até 7 puntos, mentres que o BNG creceu 20 e botou o PSdeG da segunda posición. 

O PP e o PSdeG baixan na  zona da Mariña

O anuncio da fábrica de Alcoa en San Cibrao (Cervo), na Mariña, de efectuar máis de 500 despedimentos provocou nos últimos meses masivas mobilizacións na zona e na capital galega. E a loita tamén chegou ás urnas en formade redución de apoio electoral para o PP e mais para o PSdeG.

A falla de resposta por parte da Xunta e do Goberno español á crise industrial, con Alcoa como máximo expoñente, sen aínda teren realizado unha intervención pública da fábrica nin teren posto en marcha un estatuto electrointensivo, emerxe detrás da perda de votos de ambos os partidos españois. O PP baixou 3,97 puntos na Mariña occidental e 2,65 na central. Na oriental subiu un insignificativo 0,04 e perdeu máis de medio millar de sufraxios. Ademais da problemática de Alcoa, a Mariña central é epicentro do rebrote do coronavirus e o Goberno galego e a Xunta Electoral deixaron as persoas positivas coa Covid-19 sen opcións a poderen votar, o cal foi denunciado polos partidos da oposición. 

O BNG foi a forza que subiu en votos en toda esta zona e en Burela, centro neurálxico da crise sanitaria, o Bloque deu un subidón de 25 puntos; 27 en Cervo, onde está a planta de Alcoa; 24 en Viveiro e 22 no Valadouro e mais en Xove, un dos puntos negros para o PP, pois baixou máis de 5 puntos. No resto de concellos desta zona o incremento do nacionalismo foi ben considerábel, entre 10 e 20 puntos.   

O Grove polo emprego

A histórica conserveira Thenaisie Provoté, situada en Ogrobe, está en concurso de acreedores. Centos de traballos directos e indirectos dependen de que a compra da fábrica por outra compañía vaia adiante, mais ante as trabas que pon a dona actual, os sindicatos exixen á Xunta que deixe a pasividade e se implique para garantir a permanencia dos postos de traballo. Neste concello o BNG disparouse nas urnas, ascendendo 23 puntos e arrebatando ao PP o posto de primeira forza. 


 

Comentarios