Ana Pontón: "Hoxe empeza unha nova etapa para o noso país"

"Os soños son o motor do cambio e nós imos seguir traballando por ese soño colectivo de construír a Galiza que queremos", afirmou a xa líder da oposición galega. 
Ana Pontón na súa valoración dos resultados electorais (Nós Diario).
photo_camera Ana Pontón na súa valoración dos resultados electorais (Nós Diario).

Triunfou o voto da ilusión. Ana Pontón é a líder da oposición. Os 19 escanos do Bloque Nacionalista Galego nestas eleccións xa son historia do nacionalismo galego ao superar o mellor resultado obtido pola formación até o momento: os 18 escanos de Xosé Manuel Beiras en 1997. 

Ana Pontón compareceu emocionada e fixo un agradecemento "desde o corazón" ás máis de 300.000 persoas que votaron polo BNG cunha "tremenda ilusión e esperanza" porque "cada unha desas papeletas é unha razón poderosa para seguir construíndo unha Galiza con futuro". 

"Hoxe empeza unha nova etapa para o noso país e comezamos a traballar xa para que dentro de catro anos o cambio sexa posíbel", asegurou. "Os soños son o motor do cambio e nós imos seguir traballando por ese soño colectivo de construír a Galiza que queremos".

O BNG non só subiu 13 escanos con respecto ao seu resultado en 2016, senón que realizou un verdadeiro sorpaso ao PSdeG, que na última parte do reconto acadou 15 deputados e deputadas. Con todo, Alberto Núñez Feixoo obtivo a súa cuarta maioría absoluta nun Parlamento que fica con só tres forzas políticas: PP, BNG e PSdeG. 

"É evidente que queríamos subir o cumio da montaña, pero imos seguir escalando e non imos deixar de perseguir ese soño até que o consigamos. Tedes a miña palabra e a de toda a organización. Imos traballar con moita humildade, pero con decisión, para seguir construíndo unha alternativa de Goberno sólida", salientou Pontón.

Nos comicios do último ano e medio o BNG mantivo unha tendencia á alza na que desde a formación nacionalista confiaban nos últimos días da campaña. O escano de Néstor Rego no Congreso foi decisivo para a visibilización da fortaleza do partido, que nas eleccións galegas de 2016 aceptou os 6 escanos como un logro nun marco moito máis desfavorábel que o actual. 

Ana Pontón votou por primeira vez nunhas eleccións galegas no ano 1997, cando o daquela candidato socialista Abel Caballero sofreu o sorpaso dun BNG liderado por Beiras. Este 12 de xullo, foi ela a que converteu ao BNG na segunda forza do Parlamento da Galiza

Segunda forza no Parlamento

Esta foi a campaña máis transversal do BNG, que logrou triplicar o seu resultado de 2016, e chegou a votantes de todo o espectro da esquerda. "Imos estar no Parlamento demostrando que hai outra Galiza posíbel, e outra maneira de facer política", afirmou Pontón. 

O BNG logrou aglutinar o voto nacionalista no país, que deixa atrás a experiencia do proxecto rupturista En Marea. Un espazo que concorreu ás eleccións do 12-X en dúas partes: por una lado a coalición Galicia en Común de Podemos, Esquerda Unida, Anova, Compostela Aberta e a Marea Atlántica; e por outro a Marea Galeguista, coalición formada polo partido En Marea, Compromiso por Galicia e o Partido Galeguista.

A Executiva Nacional do BNG ao completo, coa coordinadora de campaña Goretti Sanmartín, a deputada europea Ana Miranda e o deputado no Congreso Néstor Rego, acompañaron a candidata na noite electoral desde a Nave de Vidán, en Compostela. 

O cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, a número dous por Pontevedra Montse Prado, o número dous pola Coruña, Xosé Luís Rivas 'Mini' e o escritor Suso de Toro tamén se achegaron até Vidán para seguir o escrutinio. Bará despois se trasladou até Pontevedra e celebrou os resultados coa militancia, da mesma maneira que o fixeron Olaia Rodil en Lugo e Noa Presas en Ourense. 

Estes 19 deputados e deputadas nacionalistas son o froito do traballo que fixeron desde a formación para remontar os malos tempos que viñeron após aquela asemblea de Amio, que agora queda moi lonxe. "Ninguén podería predecir hai catro anos que o BNG sería a segunda forza política", recoñeceu Pontón. 

"Nunca vou aceptar un non por resposta cando se trate da Galiza. Traballarei porque todas e todos vós vos sintades orgullosos do que hoxe votáchedes nas urnas", concluíu Ana Pontón, xa entre aplausos, na Nave de Vidán.

Comentarios