“Grazas, grazas, grazas”. O inicio da intervención de Núñez Feixoo na noite electoral xa permitía albiscar o sentido do seu discurso de agradecemento da cuarta maioría absoluta, igualando así o récord de Manuel Fraga. Feixoo agradeceu a todo o mundo, desde os que o votaron até os que non (“tamén gobernarei para vós”), desde apoderados do partido até a súa familia.
Por agradecer, agradeceu até o apoio aos presidentes autonómicos de Andalucía e Castela-León. “Brindo este triunfo ao PP de España e falo do presidente, Pablo Casado”, afirmou, nunha frase para asegurar lealdade.
Deu as grazas aos presidentes provinciais do PP polos resultados nas diferentes circunscricións. “Sei por que me votastes e cumprirei co meu deber”, manifestou, ao tempo que apuntaba a que tiña “máis forzas ca nunca” para Gobernar Galiza.
Orgulloso dos resultados, Feixoo, nun momento do discurso no que alternou galego e castelán, indicou a clave desta cuarta maioría: “Non fallou ninguén”. O PPdeG tocou a rebato a acudir ás urnas e as súas bases responderon: 41 deputados.