18-F

Sumar ve na manifestación contra a vertedura de pellets "un síntoma" do cambio que vaticina na Xunta

"Hai algún plan de rexeneración integral das nosas rías? Que fixo coa lei de confrarías? Que fixo coas políticas que realmente se necesitan, transformadoras do noso sector pesqueiro?", repróchalle ao Goberno galego.
A candidata de Sumar, Marta Lois, nun acto de campaña en Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
photo_camera A candidata de Sumar, Marta Lois, nun acto de campaña en Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)

A candidata de Sumar Galicia á Presidencia da Xunta, Marta Lois, considera que a manifestación deste domingo en Santiago contra a xestión da vertedura de pellets plásticos chegados á costa galega é "un síntoma" do cambio político que, vaticinou, haberá na Galiza tras as eleccións do vindeiro 18 de febreiro.

En declaracións aos medios esta segunda feira en Santiago, Lois quixo facer unha "valoración política" desta protesta na que participaron miles de galegas e galegos, entre eles representantes de confrarías e de asociacións ecoloxistas, baixo o lema 'En defensa do mar'.

"Trouxeron un berro unánime de clamor contra as políticas nefastas, contra as mentiras e contra a incompetencia do PP", esgrimiu a candidata da formación de Yolanda Díaz, que exixiu "un goberno que goberne" na Xunta e que estea "á altura da súa xente".

Neste contexto, Marta Lois criticou que os diferentes gobernos do PP desde 2009 non fixeron "absolutamente nada": "Hai algún plan de rexeneración integral das nosas rías? Que fixo coa lei de confrarías? Que fixo coas políticas que realmente se necesitan, transformadoras do noso sector pesqueiro?".

Ao seu xuízo, o PP "non fixo absolutamente nada" e a 'crise dos pellets' e a manifestación do domingo foron "a pinga que colmou o vaso, porque chove sobre mollado". Lois denunciou a "situación moi dura, moi grave" que vive este sector, con mariscadoras que "nos últimos tempos traballan pouquísimos días" e que "non están a pedir políticas asistenciais, senón políticas valentes".

Por todo iso, Sumar está convencido de que "chegou o momento dese cambio", porque o ocorrido o domigo en Santiago "é síntoma do que vai ocorrer o 18 de febreiro". E é que, en palabras de Lois, se os galegos "votan como votaron o 23 de xullo", nas últimas xerais, cun "voto progresista", haberá un "cambio histórico" no país.

Comentarios