Parlamento

A nova lei de loita contra incendios será debatida no Parlamento en 2023

A Lei de loita integral contra os incendios forestais entrará no Parlamento galego en 2023, segundo avanzou o conselleiro de Medio Rural, José González, esta segunda feira.
O conselleiro de Medio Rural (no centro), José González, esta segunda feira no Parlamento da Galiza.
photo_camera O conselleiro de Medio Rural (no centro), José González, esta segunda feira no Parlamento da Galiza.

A Lei de loita integral contra os incendios forestais entrará no Parlamento galego en 2023, segundo avanzou o conselleiro de Medio Rural, José González, esta segunda feira na súa comparecencia en comisión para presentar os orzamentos do seu departamento que se chega até os 676,2 millóns de euros.

Na súa intervención, González marcou o obxectivo de "consolidar" as actuacións en materia de prevención, recuperación e calidade.

Distribución dos orzamentos

No ámbito da prevención e defensa do monte, a Consellaría conta con 14,9 millóns para medios do servizo contra incendios, 14,8 para infraestruturas preventivas e 1,5 para un novo grupo especializado na loita contra os incendios, entre outras accións.

Dispón de 20 millóns para silvicultura, uns 9 para "establecer e manter" a superficie forestal, 5,4 máis para tecnoloxías forestais e 2,4 para actividades de ecoinnovación e dixitalización da industria forestal. O resto do orzamento está dirixido a obras e melloras de camiños.

Case 60.000 hectáreas calcinadas en 2022

Este anuncio chega nun ano historicamente malo en canto á superficie calcinada na Galiza. Segundo os últimos datos ofrecidos pola Consellaría de Medio Rural, no exercicio de 2022 foron arrasadas polo fogo 50.956 hectáreas no país, nun dos veráns con máis incendios que se recorda.

Múltiples persoas achacaron esta cifra á falta de plans estratéxicos por parte da Xunta da Galiza para combater os incendios e recuperar as zonas ardidas. A este respecto referiuse o deputado do BNG no Parlamento galego, o nacionalista Xosé Luís Rivas 'Mini' que botou en falta ese un plan estratéxico para "recuperar o queimado só deste ano". Entre outras cuestións, instou ao departamento que dirixe González para "cambiar a política forestal" e a estabelecer "áreas de devasas verdes".

O PSdeG responsabilizou os orzamentos da Xunta da "deficiencia" de servizos públicos na Galiza interior. En concreto, o deputado Martín Seco acusou de "desdén" a Medio Rural e advertiu de que "cada día agrándanse os problemas de despoboamento e envellecemento".

Comentarios