Persoal de extinción de incendios maniféstase contra a "temporalidade" do emprego: "Os fogos apáganse no inverno"

Se a Xunta non cede á estabilización dos postos de traballo, advirten, as mobilizacións continuarán.
Mobilización das brigadas forestais, esta terza feira, na capital galega. (Foto: Arxina)
photo_camera Mobilización das brigadas forestais, esta terza feira, na capital galega. (Foto: Arxina)

Máis de 500 persoas traballadoras do servizo de extinción de incendios forestais da Galiza —segundo datos da Policía Nacional— manifestáronse esta terza feira en Santiago de Compostela contra a "temporalidade" do emprego nos seus postos de traballo.

"Polos dereitos laborais dos bombeiros forestais da Galiza, por unha estabilidade laboral, por un aumento do tempo de traballo e porque estamos a perder dereitos", denunciou un dos vogais da Asociación Profesional de Bombeiros e Bombeiras Forestais da Galiza (Apropiga), David López.

A manifestación, con saída de San Lázaro e chegada a San Caetano, foi convocada por este colectivo e mais e pola Asociación de Traballadores de Incendios Forestais da Galiza (Atrifoga).

Baixo o lema 'Dignidade laboral, traballo estábel todo o ano', pronunciáronse na defensa do traballo os doce meses do ano, pola recuperación dos dereitos perdidos, pola cobertura de prazas e polas mellores laborais en contra da precariedade laboral "que están a sufrir" os bombeiros forestais, "especialmente despois do verán máis duro dos últimos tempos".

Así, criticaron que son un colectivo do que as administracións "só acordan" cando os necesitan para "sacarlles as castañas do lume durante os incendios".

Un dos bombeiros forestais presentes na manifestación sinalou que "non" poden "vivir así", xa que para eles o fogo "apágase no inverno" coa prevención e a limpeza dos montes.

Nesta liña posicionouse un condutor de motobomba que denunciou a temporalidade dos contratos e advertiu que, "se non se consegue unha estabilización por parte da Xunta", seguirán coas mobilizacións.

Comentarios