Segue a polémica do Globo en Betanzos: Jaime Pita, o que foi portavoz de Fraga inicia unha 'cruzada' contra PSOE e BNG

A formación nacionalista considera a ausencia este ano do emblemático globo aerostático e a polémica derivada "unha represalia porque o PP non goberna en Betanzos" por parte da "contorna" dos populares, nomeadamente o copropietario do globo e membro da Fundación, Jaime Pita, un dos rostros menos amábeis do Goberno de Manuel Fraga na Xunta.
O globo de Betanzos. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O globo de Betanzos. (Foto: Nós Diario)

A polémica arredor do famoso globo aerostático non cesa en Betanzos. O aeróstato non se lanzará este ano nas festas de San Roque, unha tradición que se celebraba de forma case ininterrompida desde mediados do século XIX, e a decisión está a axitar notabelmente o municipio tanto desde o eido político como no social. Desde a Fundación Globo de Betanzos, liderada pola familia Pita, apuntaron nun primeiro intre a limitacións derivadas da creación que impediron realizalo a tempo; porén, nos últimos días o propio Jaime Pita converteu o asunto en pólvora contra o PSOE e o BNG, chegando a falar de presuntos impagamentos e de "interferencias" políticas.

"Díxose nestes días que non estaba pago o globo do ano 2022 e iso é falso, aquí están as facturas cos seus comprobantes bancarios de que están pagas todas as vinculadas ao globo do ano pasado. Díxose estes días que non estaba comprado o material para facer o de 2023 e é mentira, porque teño o comprobante e a factura de todo o necesario para o deste ano", defendeu en rolda de prensa a alcaldesa, a socialista María Barral.

E os dardos apuntaron logo tamén contra o Bloque, malia estar na oposición, vinculando a suposta decisión do Goberno betanceiro de suprimilo ao pacto de investidura e "mesturándoo", lamentou a portavoz nacionalista, Amelia Sánchez, co cambio da Raíña das Festas por "representantes" sen importar o xénero: "Mestura interesadamente os cambios na figura da Raíña das Festas que supoñen unha ampliación de dereitos, xa que agora calquera persoa se pode presentar e supoñen un avance importante en termos de igualdade ademais de acabar co tinte absolutamente sexista e anacrónico que tiña esta celebración, coa negativa da propia Fundación da que forma parte a elaborar o globo".

O propio Pita foi máis alá esta quinta feira na súa 'cruzada' particular e afirmou, nunha entrevista en La Voz de Galicia, que "mentres eu viva, o BNG non vai entrar na Fundación do Globo de Betanzos". Desde o BNG trasladaron a súa "sorpresa" pola "agresivididade" dun Jaime Pita que, aseveran, "sabe perfectamente que o BNG nada ten que ver con este tema".

"Betanzos non merece este espectáculo. Estívose contando unha mentira desde a contorna do PP e estívose malmetendo e enganando a sectores como a hostalería, dicíndolles que o tema do Globo tiña que ver co acordo de investidura do PSOE e do BNG. Agora que está claro que non é así, o PP non sabe como recoller cable. O PP debe rectificar, polo ben da convivencia en Betanzos", engadiu Sánchez, a respecto da polémica.

A concelleira nacionalista deduce das palabras de Pita que "a cuestión do globo é unha represalia porque o PP non goberna en Betanzos". Igual a solución a todo isto é algo menos de clasismo e máis aceptar a democracia. Non pode ser que haxa globo se goberna o PP e que non o haxa se PSOE e BNG acordan a investidura", dixo.

Pita, un 'soldado' do PP de Fraga

Para quen non o coñeza ou sexa alleo á vida cotiá de Betanzos, Jaime Pita pode parecer simplemente un elo máis dentro do legado da familia Pita, ligada á tradición do globo aerostático desde finais do século XIX, da man de Claudino Pita. Alén de concorrer nestas últimas eleccións como suplente na candidatura do PP de Betanzos —liderada por Cecilia Vázquez—, Jaime Pita foi durante moitos anos un apoio importante para o ex presidente da Xunta Manuel Fraga.

Estivo dúas décadas (1989-2009) no Parlamento da Galiza como deputado, e durante dúas lexislaturas (1997-2005) ostentou a portavocía do grupo popular, cargo no que substituíu Víctor Manuel Vázquez Portomeñe. Tamén foi conselleiro de Presidencia do Goberno de Fraga entre 1999 e 2005. Pita caracterizouse na Cámara por un estilo agresivo coa oposición e, naqueles, tempos era un dos rostros menos 'amábeis' do Partido Popular.

As súas intervencións no pleno, frecuentemente polémicas, levárono a afirmar, após a traxedia do Prestige, que plataformas como o movemento cidadán Nunca Máis "só as integran radicais". Aliás, nunha ocasión deixou entrever coas súas palabras que acusaba a oposición —PSOE e BNG— de "pór bombas", se ben logo matizou as súas declaracións alegando que o que dixera fora que propagaban "un caldo de cultivo propicio" para iso.

Tamén que "houbo casos de dirixentes que se fotografaron no ataque a sedes ao PP e que houbo quen puxo bombas, aínda que non dixen que foran eles". E acusou tanto a nacionalistas como a socialistas de "tratar de debilitar" os daquela gobernos do PP na Xunta —con Fraga— e Moncloa —José María Aznar— por medio "da algarada, o insulto e as manifestacións violentas".

Aliás, cando o presidente Fraga —en 2004—, daquela con 81 anos de idade, esvaeceu no hemiciclo mentres lía o discurso de apertura do Debate sobre o Estado da Nación, afirmou que estaba "no mellor da vida" para "conseguir o mellor para o pobo galego". Iso despois da enorme polémica xerada a raíz da xestión do Prestige, unha das cuestións que máis erosionaron o seu Goberno até permitir unha maioría de PSOE e BNG.

Comentarios