IU pide 1 de cada 6 postos de saída nas candidaturas con Podemos

Á marxe ficarían as confluencias en Galiza, Catalunya e Valencia, que se xestionan de forma autónoma.

pablo garzon
photo_camera pablo garzon

Izquierda Unida quere que os seus candidatos ocupen 1 de cada 6 postos de saída nas candidaturas que se poidan acordar con Podemos de cara ás eleccións do vindeiro 26 de xuño. Unha petición que deixa á marxe os casos de Galiza, Catalunya e Valencia por se negociar alí as confluencias de forma autónoma. Cos resultados obtidos por Podemos o 20-D [sen engadir as confluencias antes citadas], isto suporía 7 escanos para a xente de IU.

Alberto Garzón, deputado de IU-UP, e Adolfo Barrena, secretario de Organización de Izquierda Unida, anunciaron este sábado que non hai aínda acordo con Podemos para partillar as listas e as negociacións poderían seguir durante a vindeira semana, tendo claro que a data tope legal para rexistrar coligazóns para participar no 26X é o 13 de maio.

Afirmaron que o seu obxectivo é contar con 1/6 dos postos de saída nesas candidaturas. Unha petición que consideran xenerosa pois afirman que IU achega 1 / 4 dos votos ao acordo. O 20-D Podemos obtivo 3 millóns de votos polo millón que logrou Izquierda Unida. Garzón dixo que limitan a petición a un sexto dos postos para procurar facilitar un acordo.

Grupo confederal

O secretario de Organización de IU, pola súa parte, afirmou que había unha serie de cuestións que estaban fóra de toda discusión, referíndose á coligazón electoral como fórmula para o pacto con Podemos ou ben que sexa unha alianza a nivel de Estado e aberta a outras formacións. Aposta, ademais, nun recoñecemento das diferentes forzas políticas, respetando as “identidades diferentes”. Confirmou, así mesmo, que o grupo parlamentar que resulte do 26X sería un grupo “confederal” con recoñecemento de cada partido e respetando “visibilidade” e “liderado” de cada un.


 

Comentarios