Sesión de investidura

CRÓNICA | Alfonso Rueda toma posesión como presidente da Xunta: "Veño aquí a defender o 'estilo Galiza'"

O acto decorreu no Panteón de Galegos Ilustres e conta coa presenza de diferentes autoridades da Galiza e o Estado.
Alfonso Rueda dirixíndose ao atril en Bonaval, acompañado de Óscar Puente e Miguel Santalices. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda dirixíndose ao atril en Bonaval, acompañado de Óscar Puente e Miguel Santalices. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

A investidura de Alfonso Rueda, a segunda en menos de dous anos —logo de substituíse Alberto Núñez Feixoo na primavera de 2022 tras o seu salto á política estatal— pero a primeira após unhas eleccións na que foi o cabeza de lista do Partido Popular, segue o guión previsto. O Parlamento galego proclamouno presidente a pasada quinta feira co único voto favorábel dos 40 deputados e deputadas da súa formación, o 'non' de BNG e PSdeG e a abstención do único parlamentario de Democracia Ourensá, Armando Oxea.

E este sábado foi investido formalmente nun acto institucional para o que elixiu o mesmo emprazamento que catro décadas atrás o primeiro presidente da Xunta da Galiza, o tamén 'popular' Xerardo Fernández Albor. Alí acompañárono os tres ex presidentes vivos do país: o seu antecesor, Feixoo, e os socialistas Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño. Canda eles tres entrou no Panteón de Galegos Ilustres de Santiago e fixo unha ofrenda floral fronte ao cadaleito de Castelao, como parte dunha comitiva á que pon música a Banda de Gaitas de Pontevedra.

Despois dirixiuse ao exterior do Panteón xunto ao presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, e o ministro de Transportes, Óscar Puente, en representación do Goberno español. Santalices deu lectura ao decreto asinado polo rei Felipe VI que o designa presidente e, inmediatamente despois, xurou o cargo.

Após agradecer a presenza das diferentes autoridades e medios de comunicación presentes no evento, nun lugar cuxo simbolismo, dixo, "paga a pena", deu comezo ao seu discurso, empezando por lembrar os discursos pronunciados polos cinco ex presidentes galegos que o antecederon no cargo cando foron investidos. As súas palabras, dixo, "representan o que eu sinto". Por iso, chamou a aprender deles e seguir os seus pasos.

"A poucos metros pertencen eternos algúns dos galegos máis grandes que pisaron a nosa terra", dixo, citando persoeiros como Rosalía de Castro, Fontán ou Castelao que "nos definen a todos nós". "Fixeron da Galiza a súa causa principal, debémoslles moito", afirmou, salientando a homenaxe que asegura que lles quere dar con este acto achegando o seu "modesto gran de area a unha noble causa "que eles comezaron e que outros terán que continuar".

Rueda puxo o foco na importancia de traballar "con humildade" no seu cargo e con "moita vocación de servizo público", así como con "responsabilidade, ilusión e gana de querer facer as cousas, e de querer facelas ben". Responsabilidade, dixo, "de gobernar con todos e para todos, sendo honesto e perseverante".

"Preséntome ante todos vostedes con virtudes e con defectos —quen non os ten!—. Son, sobre todo, o pai de Beatriz e Marta, o fillo de José Antonio e de Lola, o marido de Marta e un galego de Pontevedra. Un galego como todos vós", subliñou, ante os aplausos do público asistente. "Os mellores soños poden facerse realidade, e todos os galegos conseguímolo", engadiu, aludindo á autonomía da Galiza e rematando cunha mención a que "son máis cousas as que nos unen que as que nos separan", que pediu "evitar", pois "é na concordia onde Galiza se recoñece".

Galiza é, para Rueda, unha "terra amábel e aberta", pero tamén "firme". "Esa 'Galiza calidade', cada vez máis de moda", reivindicou. "Galiza aspira a todo, pero sempre ao lado do resto das comunidades autónomas. Traballaremos defendendo o noso, nunca pasando por riba de ninguén pero tampouco permitindo quedarnos atrás. A boa marcha duns non debe ser o freo doutros. Se nos impulsamos todos xuntos, chegaremos todos máis lonxe", proseguiu, nunha parte do discurso que pronunciou en castelán dirixíndose aos representantes doutras comunidades alí presentes, como Fernando López Miras, presidente de Murcia, ou Adrián Barbón, de Asturias.

"Ultimamente fálase moito de estilos, eu veño aquí a defender o 'estilo Galiza', que foxe de extremismos, que deixou de ser unha terra de despedida para ser unha terra de acollida, de oportunidades. O estilo dunha comunidade que loita polo que merece dentro das regras do xogo, exixindo que se respecten pero sen permitir rompelas. Con ese estilo e compromiso presenteime ás eleccións e gañamos, e con ese estilo e compromiso comprométome a defender e traballar por Galiza os próximos catro anos. Nesta Galiza cabemos todos. Todos teñen dereito a exixir do seu Goberno ese compromiso e ese gobernar para todos, especialmente quen non me votaron", continuou.

Unha vez rematado o discurso foi a quenda do Himno da Galiza, interpretado ao son da arpa coa voz de Fátima Pego.

Este domingo Rueda dará a coñecer os nomes das persoas que integrarán o seu novo Goberno, que tomarán posesion dos seus cargos a vindeira segunda feira.

Comentarios