Sesión de investidura

Romay Beccaría confía en que Rueda preserve a "herdanza estupenda" de Feixoo

O histórico dirixente do PP ve a Feixoo como "futuro presidente de España".
José Manuel Romay Beccaría, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera José Manuel Romay Beccaría, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

José Manuel Romay Beccaría, presidente de honra do PP da Galiza e quen fora man dereita do presidente Manuel Fraga, felicitou este sábado a Alfonso Rueda pola súa toma de posesión como presidente da Xunta, un labor no que se mostrou seguro de que "fará honra" á "herdanza estupenda" deixada polo actual presidente do PP a nivel estatal, Alberto Núñez Feixoo, quen se mostrou seguro de que será o "próximo presidente de España".

"Eu estou convencido de que o próximo presidente de España será Feixoo, e que non será moi tarde, porque quero ser testemuña diso tamén e xa os meus prazos son moi xustiños", dixo, en declaracións aos medios, o histórico político galego, de 90 anos de idade.

Antes de iniciar o acto de toma de posesión en Santiago de Compostela, Romay Beccaría parabenizou Alfonso Rueda, de quen dixo que "todos os seus pasos son moi sensatos e moi acertados" e mostrouse confiado en que será "un bo presidente".

Romay Beccaría destacou a "herdanza estupenda" que deixou a Rueda o seu predecesor, á que, dixo, el "saberá facer honra" para "seguir o camiño de desenvolvemento e o crecemento da Galiza". "Estou seguro, porque teñen os dous as mesmas raíces", indicou, ao ser preguntado sobre se preservará o legado ideolóxico de Feixoo na Xunta.

Comentarios