Inés Rei insta a Xunta a "traballar" para declarar A Coruña zona tensionada

O Concello pide que se actúe nos alugueres
A alcaldesa da Coruña, Inés Rei (Foto: Andy Pérez).
photo_camera A alcaldesa da Coruña, Inés Rei (Foto: Andy Pérez).

A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, instou onte a Xunta da Galiza a "pórse a traballar" perante a entrada en vigor o 13 de marzo do índice para topar os alugueres naqueles zonas declaradas tensionadas.

A preguntas da prensa, despois de que o Concello da Coruña demandase a citada declaración á Administración galega, a rexedora remarcou que, unha vez publicado, tócalle á Xunta "traballar no exercicio das súas competencias, que son todas, practicamente", dixo sobre a vivenda.

Todo iso para que no caso da Coruña "se poida conseguir esa declaración e intervir nun mercado tensionado con prezos, nalgúns casos, que se duplicaron nos últimos anos", sentenciou a alcaldes.

Isto permitiría, engadiu, "facilitar o acceso [á vivenda] da cidadanía, que é o que nos preocupa e que debería preocupar a quen ten competencias", para engadir que espera que agora se dean "os pasos necesarios" pola Xunta para que sexa así.

O Índice de Prezos de Referencia, publicado onte polo Goberno do Estado, apuntaba a que nalgúns puntos da cidade o prezo de aluguer superaba en 500 euroso que debería ser normal. 

O secretario de Estado de Vivenda e Axenda Urbana, David Lucas, explicou esta terza feira que o Índice de Prezos de Referencia para limitar os prezos do aluguer en áreas tensionadas, dispoñíbel desde hoxe mesmo, consiste un sistema de rango de prezos, que estabelece prezos máximos e mínimos para unha vivenda a partir das características da mesma.

Ademais, este índice é homoxéneo para todo o territorio estatal, de base tributaria e que será actualizado cada ano, segundo indicou o 'número dous' de Vivenda nunha rolda de prensa na que informou sobre esta medida que a ministra competente, Isabel Rodríguez, anunciou que se publicaría antes de acabar o presente mes de febreiro "si ou si" para que empece a estar operativo en marzo.

O índice de prezos de referencia para o alugueiro expón un abano de prezos a partir dunha serie de características da vivenda analizados tales como a superficie, a estado conservación, se ten ascensor ou non, aparcamento, ano de construción, zonas comúns e outras características que teñen o obxectivo de que as vivendas "con menos valor" non poidan incrementar o seu prezo ao seren equiparadas con vivendas de maior calidade na mesma zona.

Comentarios