BNG e Podemos advirten da indignación "colectiva" pola falta de imparcialidade de RTVE no Benidorm Fest

As formacións políticas levaron ao Congreso á polémica do Benidorm Fest, e esixiron a comparecencia dos responsábeis de RTVE para que dean explicacións sobre o funcionamento e realización do certame musical.
As Tanxugueiras, na súa actuación no Festival de Benidorm, esta cuarta feira (Foto: @marialanlan).
photo_camera As Tanxugueiras, na súa actuación no Festival de Benidorm, esta cuarta feira (Foto: @marialanlan).

BNG e Galicia en Común puxeron de manifesto a indignación "colectiva" de "centos de miles de galegos" pola falta de imparcialidade do xurado profesional de RTVE durante o transcurso do Benidorm Fest.

A vitoria de Chanel sobre outras candidaturas, como a das Tanxugueiras ou a de Rigoberta Bandini, provocou unha oleada de protestas antes as decisións máis que discutíbeis que o xurado profesional adoptou, tanto nas semifinais como na final do certame.

O deputado do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, asegurou que a preocupación do BNG "non é quen represente o Estado español" en Eurovisión, senón que as supostas actuacións do xurado profesional, escollido polo ente público, para "de xeito parcial, excluír unha canción por ser en galego".

O nacionalista afirmou que "só hai que ver os medios de comunicación galegos hoxe ou incluso a reacción das forzas políticas na Galiza, aínda que sexa en moitos casos de forma demagóxica", para ser consciente da "indignación colectiva bastante unánime" contra o xurado.

"Traballaremos para que TVE dea un trato igualitario ás producións culturais en galego euskera ou catálán", subliñou Rego, quen presentou unha solicitude de comparecencia do presidente da CRTVE no Congreso para que "explique os criterios utilizados para a elección do xurado do Benidorm Fest".

"Conflito de intereses"

Pola súa banda, o voceiro de Galicia en Común no Congreso, Antón Gómez Reino, instou a "investigar" a posíbel existencia dun "conflito de intereses" entre algúns artistas e os membros do xurado. Nomeadamente, a gañadora do Benidorm Fest traballou con anterioridade con unha integrantes do xurado profesional.

Gómez Reino tamén solicitiu que RTVE faga públicas as votacións desglosadas de cada membro deste comité profesional, en aras da "transparencia". Para o deputado, "chocaba a falta de sensibilidade positiva do xurado" coa "simpatía" que as Tanxugueiras espertaron nunha gran maioría do público.

Outro dos focos nos que centrou as súas críticas foi o feito de que RTVE empregase un sistema de votación por cobro para a poboación, cando, segundo apuntou o voceiro de Galicia en Común, existen mecanismos gratuítos para asegurar a participación.

Comentarios