Os tres grupos e a reforma do financiamento: o 'café para todos' do PP, o "aínda non hai debate" do PSdeG e o acordo de mínimos do BNG

O actual sistema de financiamento autonómico entrou en vigor en 2009 co compromiso de que se reformaría pasados cinco anos, o que non se fixo
PP BNG PSdeG combo
photo_camera Alberto Pazos, Luís Bará e Julio Torrado.

O actual sistema de financiamento autonómico entrou en vigor en 2009 co compromiso de que se reformaría pasados cinco anos, o que non se fixo. O debate sobre a reforma do sistema volve agora a primeira plana após os comicios estatais do 23 de xullo e as negociacións para a investidura. Os tres grupos galegos con presenza na Cámara do Hórreo pronunciáronse esta segunda feira sobre esta cuestión.

O PP da Galiza segue o argumentario do PP español e que o propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reiterou esta fin de semana: defensa dun novo 'café para todos'. O viceportavoz parlamentario do PP, Alberto Pazos Couñago, instou BNG e PSdeG a se pór "ao carón" de Rueda en materia de financiamento fronte ao intento de Pedro Sánchez de "mercadear" con esta cuestión para lograr súa investidura. 

A Galiza, asegurou Pazos, resulta prexudicada en materia de financiamento "cada vez que un partido tenta tender lazos co independentismo catalán", algo do que tamén acusou o ex presidente José Luís Rodríguez Zapatero, cuxa fórmula, a actual, "fracasou". 

Pola súa parte, Luís Bará (BNG) informou que para unha reforma do sistema, o BNG aposta por un "modelo de concerto semellante ao de Euskadi e Navarra", para que a Galiza "teña plena autonomía fiscal e financeira". Sen renunciar a el, os nacionalistas propoñen unha "proposta alternativa", un "acordo de mínimos" para "avanzar na soberanía fiscal e financeira" a partir de "unha negociación bilateral do Estado asentada nos alicerces da recadación e da repartición", dixo Bará. 

Entre as propostas, aumentar a recadación mediante a cesión de 90% do IVE e do IRPF ou a xestión doutros impostos especiais. Ademais, a cesión do imposto de sociedades para que tributen na Galiza as empresas que desenvolven aquí a súa actividade. A alternativa que presenta o BNG inclúe tamén o incremento da ponderación do envellecemento  e da dispersión para que teñan máis peso no financiamento. 

Falar "pestes"

Por último, desde o PSdeG non ven que exista un debate a respecto do modelo. O deputado Julio Torrado apuntou onte que aínda non existe ningún documento sobre o que debater e agradeceu o PP da Galiza que "saia agora a dicir" que o actual modelo "é bo" cando, lembrou, "falou pestes del". Torrado dixo agardar que "cando se reforme realmente" o financiamento autonómico, Rueda “defenda os intereses da Galiza  tan ben como o fixemos os socialistas".

Comentarios