Goretti Sanmartín agradece o apoio e salienta que o BNG "non vai defraudar"

"Confírmase que existe unha tendencia á alza", asegurou a coordinadora da campaña nacionalista.
Goretti Sanmartín (BNG).
photo_camera Goretti Sanmartín (BNG).

A coordinadora da campaña do BNG para estas eleccións, Goretti Sanmartín, non valorou as enquisas realizadas a pé de urna, que apuntan cara a unha subida do BNG entre os 15 e os 22 escanos cando nas pasadas eleccións conseguira 6.

A nacionalista agradeceu a confianza de tantas persoas depositada no BNG e asegurou que a organización "non as vai defraudar" e "vai estar aí para apoiar todas as galegas e galegos".

"Confírmase que existe unha tendencia á alza", sostivo Sanmartín, quen confirmou que nesta xornada "hai un montón de vibracións positivas", mais que a valoración correrá a cargo da candidata Ana Pontón cando estea avanzado o escrutinio.

"Isto é obra dun equipo e dá boa conta da capacidade que tivo o BNG para transmitir a súa mensaxe a sectores moi importantes da poboación", argumentou, para confirmar que a formación ten "moitísima satisfacción" con esta campaña.

Sanmartín mandou "todo o agradecemento ás máis de 4.000 persoas que estiveron de interventoras e apoderadas nestas eleccións, a militantes e a persoas simpatizantes que levan unha xornada de intenso traballo nas mesas electorais"

Non esqueceu a comarca da Mariña e a "todas as persoas que o están pasando mal co rebrote do coronavirus". Así mesmo, criticou que a Xunta "tiña que ter garantido os mecanismos para que o conxunto do país puidese acudir votar".

Comentarios