Pontón chama a "facer historia" e lamenta que a "centos de persoas" se lles deixe sen votar

A candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, chamou este domingo á  participación electoral para "facer historia" nun momento "decisivo" para a Galiza e lamentou que "centos de galegas e galegos non poidan exercer un dereito fundamental como é o dereito ao voto", en alusión aos casos positivos en coronavirus, cuxa prohibición a acudir ás urnas foi avalada pola Xunta Electoral Central, sen que se despregase ningún mecanismo alternativo para garantir o dereito ao sufraxio. 
 
A candidata do BNG, Ana Pontón, votando en Santiago o 12-X.
photo_camera A candidata do BNG, Ana Pontón, votando en Santiago o 12-X.

A líder nacionalista foi a candidata máis madrugadora, xa que votou pasadas as 9.15 horas deste domingo en Santiago, no Centro Galego de arte Contemporánea. Desde alí remarcou que está en xogo o futuro das galegas e galegos. Por esta razón, resaltou a necesidade de que "todas e todos participen co seu voto" nesta xornada electoral "para xuntos construír a Galiza que queremos".

Ademais, Ana Pontón sinalou que esta será "unha xornada electoral atípica" debido ás medidas adoptadas pola crise sanitaria. En concreto, referiuse á veciñanza da comarca da Mariña, onde se rexistrou un rebrote de contaxios pola Covid-19, e envioulles "un cariñoso abrazo".

Así, asegurou que para eles estas "son unhas circunstancias máis excepcionais" que para o resto de galegas e galegos. Así, lamentou que as persoas contaxiadas viran "como se convocaron eleccións sen garantirlles o seu dereito ao voto" e recalcou que "a Xunta tiña a responsabilidade de articular os mecanismos previstos na lexislación" para garantir o seu exercicio deste dereito fundamental.

Do mesmo xeito, a candidata do Bloque á Presidencia da Xunta chamou as galegas e galegos para votar con "ilusión e convicción" e a pensar que "este país ten futuro e necesita á fronte un Goberno que confíe nas súas propias potencialidades e capacidades".

Comentarios