O Goberno galego remendou até en 11 ocasións algunhas das súas propias leis

Normas como a de montes, solo ou vivenda sofren numerosos cambios
A Xunta volve introducir cambios na Lei de vivenda, xa modificada catro veces (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera A Xunta volve introducir cambios na Lei de vivenda, xa modificada catro veces (Foto: Xunta da Galiza).

"Seguridade xurídica", "fiabilidade", "eficacia", "estabilidade" ou "garantía". Estes son algúns dos cualificativos que antes Alberto Núñez Feixoo e agora Alfonso Rueda dan aos Gobernos que presiden á hora de elaborar leis e orzamentos. A Xunta, como exemplo de saber facer as cousas "ben e en tempo", como afirman desde o Partido Popular para confrontalo co "caos" doutras Administracións.

Porén, ese mesmo Goberno é o responsábel de "remendar" as súas propias leis e normas en non poucas veces, en ocasións xa non na mesma lexislatura senón no mesmo ano. 

Algo que a propia oposición, o BNG e o PSdeG, teñen reprochado. "Son uns chapuceiros", recriminoulles a viceportavoz parlamentaria nacionalista, Olalla Rodil, no debate das emendas á totalidade dos orzamentos. "Teñen que cambiar unha e outra vez as mesmas leis e os mesmos artigos polo caos que xeran sobre as vidas das persoas", denunciou. 

"Non son serios", afeoulle o portavoz na Cámara do PSdeG, Luís Álvarez, ao Goberno galego. E puxo un exemplo: "Desde que aprobaron a lei do solo da Galiza, 2016, "modifícase por décimo primeira vez".

 Unhas críticas que inciden en que esas mudanzas ou cambios nas leis non se deben tanto a actualizacións do articulado da norma como a correccións ou mesmo a variacións para introducir cambios significativos nas mesmas a través da coñecida como Lei de acompañamento dos orzamentos, o que implica "furtar" o debate na Cámara.

Da Lei de montes á do solo

Un exemplo é a actual Lei de Medidas Fiscais e Administrativas -a Lei de acompañamento-,  na que se introducen novas remudas a leis que xa foron modificadas no seu día e en máis dunha ocasión. 

Aí están a Lei de vivenda, que acumula catro remendas; a Lei de solo, cambiada dez veces e cunha máis en trámite; a Lei de incendios forestais, nove mudanzas; e a Lei de Montes, once veces. Na última ocasión, este ano, para suprimir artigos que foron creados na pasada lexislatura. O ano pasado, 2021, na lei de montes modificábase "por sétima vez" un artigo relacionado coa xestión da biomasa.

Ao se facer todos estes cambios e mudanzas a través da xa mencionada Lei de acompañamento, as normas non se axustan ao procedemento de exposición e consulta pública que estipula a lexislación vixente. 

"Porta de atrás"

A Lei de medidas fiscais e administrativas da Xunta naceu coa finalidade de se usar para mudar aquelas cuestións relacionadas coa afectación aos ingresos e gastos dos orzamentos. Porén, a súa utilización durante estes anos polo Goberno galego semellou máis ser unha ferramenta para modificar e mudar leis a través dun procedemento de tramitación acelerada e sen debate.

Unha ferramenta que se volveu activar en 2009, coa chegada de Alberto Núñez Feixoo á Xunta, após non se empregar durante o Goberno de coalición do PSdeG e o BNG. A Xunta realizou 210 modificacións de leis  desde 2009 até agora por un procedemento de tramitación acelerada que "furta" o debate en sede parlamentaria.

O Parlamento votará os orzamentos o 20 de decembro 

De acordo co borrador do calendario de tramitación do proxecto de lei dos orzamentos para 2023, o pleno do Parlamento galego do 20 de decembro aprobará -previsibelmente grazas á maioría do PP na Cámara- as contas presentadas polo Goberno galego. O Executivo que preside Alfonso Rueda marcou como obxectivo que os presupostos entren en vigor o 1 de xaneiro de 2023.

Esta segunda feira, 28 de novembro, o Parlamento nomeou os relatores que nestes días se encargarán de elaborar o informe sobre o proxecto de lei de orzamentos, toda vez que no debate da semana pasada rexeitáronse as emendas á totalidade das contas. O día 7 de decembro, o 9 e o 12 correspóndense no borrador co ditame da comisión, e a Xunta de Portavoces do día 13 fixará a orde do día do pleno do 20 de decembro.

Comentarios