O PP veta a ILP que reclama "blindar" o carácter comunal do monte veciñal

A iniciativa, apoiada por 12.000 sinaturas, tivo o apoio do BNG e o PSdeG.
OLYMPUS DIGITAL CAMERA
photo_camera Alfredo Pereira defendeu a ILP avalada por 12.000 sinaturas ante as cadeiras baleiras dos membros do Goberno galego. (Foto: Parlamento)

A Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para unha Lei de montes veciñais en man común morreu onte na liña de saída da súa etapa parlamentaria. A maioría do PP impediu que esta iniciativa, que reuniu máis de 12.ooo sinaturas de apoio, fose admitise a trámite, malia as peticións nese sentido do BNG, do PSdeG e do defensor da proposta, Alfredo Pereira, presidente da Organización galega de comunidades de montes (Orgaccmm), que lembraba que o que se debatía  onte na Cámara non era a aprobación ou non dunha lei, senón unha admisión a trámite da proposta para traballar despois sobre ela.

Mais o PP optou por facer ouvidos xordos a estas demandas e votou en contra. A portavoz do PP no debate, Elena Candia, afirmou que o Goberno galego estaba a traballar nunha revisión da lei de montes veciñais actualmente existente, de 1989, e que prevén levar no primeiro trimestre de 2023 ao Consello Forestal Galego e a consulta pública. 

Candia incidiu no interese e compromiso da Xunta para cos montes veciñais mais no debate de onte non estaba presente nin o conselleiro de Medio Rural nin ningún outro membro do Goberno, como lle reprochou María Albert (BNG).

A postura do PP non colleu por sorpresa a Pereira, que denunciou na Cámara algo que leva anos afirmando: o Goberno galego "quere abrir un proceso de privatización do monte veciñal". De feito, a ILP que onte  chegou ao Hórreo naceu en resposta ás medidas introducidas pola Xunta na Lei de acompañamento dos orzamentos para 2022 e que boa parte das comunidades de montes entenderon como unha porta aberta a acabar co "carácter xermánico (comunal)" dos montes veciñais.

A propiedade, a chave

O presidente da Orgaccmma centrou a súa intervención no "reforzamento do carácter xermánico (comunal) dos montes veciñais". Hai que lembrar que estes montes son unha forma de copropiedade xermánica, cunha regulación específica, que prevé que son bens indivisíbeis, inalienábeis, imprescriptíbeis e inembargábeis, dada a súa especial natureza colectiva.

Da man desta defensa do carácter comunal viña outro dos obxectivos da ILP: o recoñecemento da titularidade veciñal como "unha máis e distinta das titularidades públicas e privadas". Pereira situou estes montes como "garantía de sustentabilidade" e de "futuro" para o rural galego. Unha liña na que tamén incidiron o BNG e o PSdeG.

María García Albert (BNG) aplaudiu o compromiso do colectivo promotor da ILP, "aquí se ve a sociedade civil autoorganizada e que pide actualizar unha lei de 1998", e puxo en valor o "papel fundamental" que representa o monte comunal: "Garantía de xestión do territorio, de relevo xeracional e de futuro para o país".

Carmen Rodríguez (PSdeG)apelou a "actualizar" e "mellorar" a lei de 1989 para que "esta modalidade do noso monte sexa unha peza chave para o desenvolvemento sustentábel do rural galego". Coñecida a negativa do PP, Alfredo Pereira fechou o debate dirixíndose á bancada popular e  parafraseando Castelao: "Sodes uns usurpadores de montes veciñais fracasados".

25% da Galiza é monte veciñal en man común

25% do territorio galego —por volta de 700.000 hectáreas— son monte veciñal en man común. Son 3.300 montes xestionados por 2.800 comunidades. Unha figura presente en 248 concellos galegos e que só existe na Galiza e norte de Portugal.

O presidente da Organización galega de montes comunais, Alfredo Pereira, lembrou onte no Parlamento durante a súa intervención que a Constitución portuguesa recoñece e ampara esta forma de propiedade, a comuneira, o que contrapuxo a un Goberno galego "teimudo" en "querer eliminar o carácter comunal" destes montes.

Unha parte substancial do territorio ocupado polos montes, maioritaria de feito en moitas comarcas da metade sur da Galiza, está xestionada por esta figura, que abrangue medio millón de propietarios en común.

Comentarios