José Miñóns (PSOE)

"Este é o Goberno español que máis investimento realizou na Galiza"

José Miñóns, candidato número 1 do PSdeG ao Congreso pola Coruña.

Xosé Miñones, delegado do Goberno na Galiza. (Foto: César Arxina / Europa Press)
photo_camera Xosé Miñones foi delegado do Goberno na Galiza. (Foto: César Arxina / Europa Press)

—Como leva a campaña?
Estamos percorrendo toda a  Galiza , nomeadamente a provincia da Coruña, que é pola que me presento, con contacto directo coa xente, que ao final é o que buscamos, trasladarlle o que fixemos e o que queremos facer. Hai moi boa receptividade, e tamén hai medo ante eses pactos da vergoña do PP con Vox.

—Que está en xogo?
Todos os avances conseguidos. A xente vive en primeira persoa o incremento das pensións, o aumento do salario mínimo interprofesional. A xente valora as axudas ao transporte e pídenos que as manteñamos. Sabe que todo iso está en perigo, e á vista do que está a pasar en moitos concellos ou varias comunidades con eses pactos da dereita e extrema dereita, están en xogo cousas que nunca nos imaxinaramos que estarían. Aí está a censura a obras de teatro, a libros... ou todo o que ten a ver co colectivo LGTBI ou coa violencia machista. É un retroceso, e temos que dicir á xente que esa é a realidade que vén, que non se deixe levar polas mentiras que traslada Núñez Feixoo.

—O PSOE insiste en que son un Goberno que mellorou a vida das persoas. Mais hai unha parte da sociedade que parece non velo así. Como se concretan eses avances que defenden?
Este é o Goberno que máis investimento fixo na Galiza e aí están as cifras: máis de 36.000 millóns en toda a Galiza, desde obras que estaban bloqueadas a bonificacións nas peaxes da AP-9. E aí están as medidas sociais, como o aumento do SMI ou das pensións. O outro día achegóuseme un pensionista en Boiro e díxome que con 80 anos que tiña viña de cobrar un aumento da pensión que supoñía máis que o que subira nos 17 anos de xubilado. Esa é a realidade, e é a realidade que está en risco, ao igual que os avances en campos como a igualdade. O PP votou en contra de moitas medidas de avance e de progreso deste Goberno. Por iso son tan importantes estas eleccións, e que a xente vote non só corazón, senón tamén coa cabeza.

—Cre que o que pase o 23-X vai ter pegada e consecuencias nas eleccións galegas?
Todos os procesos electorais inflúen, o proceso actual vén do anterior [municipais e autonómicas do 28 de maio], que motivou un adianto dos comicios, o que foi un acerto porque quitamos a careta a Feixoo e puidemos ver a través dos pactos da vergoña até onde estaban a chegar. O resultado que teñamos nestas eleccións a nivel estatal afectará ás autonómicas. Se gaña Núñez Feixoo e imos a un Goberno con Abascal de vicepresidente, teremos seguro unhas autonómicas adiantadas.

Comentarios