O Goberno español envía unha nova carta solicitando o emprego do galego, do catalán e do vasco no Parlamento Europeo

O ministro español de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares, pide o apoio dos grupos políticos.
O ministro español de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares (Foto: Carlos Luján / Europa Press).
photo_camera O ministro español de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares (Foto: Carlos Luján / Europa Press).

O ministro español de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares, enviou unha nova carta á presidenta do Parlamento Europeo, Roberta Metsola, para solicitar que o galego, o catalán e o vasco poidan usarse nos plenos da Eurocámara.

Así o desvelou durante a súa comparecencia ante a Comisión Mixta para a Unión Europea (UE), despois de que a semana pasada abordase esta cuestión con Metsola durante o encontro que mantiveron no marco da visita da política maltesa a Madrid.

Albares xa enviara unha carta neste sentido á presidenta da Eurocámara en setembro de 2022. Segundo explicou, remitiulle unha nova misiva para pedir que se formalice "un acordo administrativo entre o Estado español e o Parlamento Europeo para o uso do catalán, o vasco e o galego".

Neste sentido, pediu ás representantes nas cortes de "todos os grupos políticos que falen coas súas familias políticas no Parlamento Europeo e lles pidan o apoio na mesa" da Eurocámara "para materializar este obxectivo que está ao noso alcance se traballamos todos xuntos e de forma coordinada".

O ministro volveu con iso a solicitar o respaldo de todos os grupos neste esforzo, como xa fixera nas súas comparecencias ante a Comisión de Exteriores e na Comisión de Cooperación de Cooperación Internacional do Congreso, dirixíndose entón en particular ao PP.

Á marxe desta petición concreta á Eurocámara, Albares asegurou que o Goberno español segue traballando para que o galego, o catalán e o vasco pasen a ser parte dos idiomas empregados no ámbito da UE, agora coa Presidencia de quenda que ostenta Bélxica, un Estado "plenamente comprometido co multilingüismo", dixo.

Neste sentido, insistiu novamente que as linguas cooficiais forman parte "da nosa identidade, non requiren modificación dos tratados" e que o caso do Estado español "é único" polo que "non suporía ningún precedente xurídico para ningún outro, nin implicaría gastos adicionais para a UE".

Comentarios