O Goberno español responsabiliza o PP do bloqueo na UE á oficialidade de galego, catalán e euskera

Fernando Sampedro cre que sería "útil" que o PP se sumase á iniciativa do Executivo de Pedro Sánchez, a través dos gobernos conservadores en Europa, para conseguir a oficialidade das tres linguas.
Bandeiras da UE fronte á sede da Comisión Europea, en Bruxelas. (Foto: Vincent Isore / Contacto / Europa Press)
photo_camera Bandeiras da UE fronte á sede da Comisión Europea, en Bruxelas. (Foto: Vincent Isore / Contacto / Europa Press)

O Goberno estatal responsabilizou esta terza feira o Partido Popular do bloqueo que persiste á proposta de recoñecer o catalán, o euskera e o galego como linguas oficiais na Unión Europea, asegurando que, detrás de argumentos "que se presentan como legais", hai "razóns políticas". En declaracións previas á reunión de ministros de Asuntos Europeos en Bruxelas, o secretario de Estado para a UE, Fernando Sampedro, afirmou que o Estado español está en contacto con distintos socios europeos como Francia, Alemaña, Hungría ou Bélxica, que ostenta a presidencia rotatoria do Consello da UE, para avanzar no recoñecemento europeo das linguas cooficiais.

"Estamos a traballar cos servizos do Consello para fortalecer o que cremos que é un caso moi sólido desde o punto de vista legal", sinalou Sampedro, subliñando que se poden incluír as diferentes linguas oficiais no Estado no regulamento ligüístico da UE "sen necesidade de reformar tratados". En todo caso, achacou a falta de avances no recoñecemento das linguas a que a familia europea pon paus na roda. "O problema é que probabelmente nos atopamos de forma sistemática que, detrás de argumentos que se presentan de forma legal, hai razóns políticas", asegurou.

Sampedro engadiu que sería "útil" que o PP se sumase á iniciativa do Executivo de Pedro Sánchez, a través dos gobernos conservadores en Europa, para conseguir a oficialidade das tres linguas, insistindo en que "a día de hoxe" poderían usarse o catalán, o galego e o euskera pero o rexeitamento dos 'populares' impediuno.

O propio ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, pediu expresamente no Congreso ao PP, e en menor medida a Vox, que axuden ao Goberno intercedendo ante os seus socios tanto na Eurocámara como nas capitais europeas para que avalen a oficialidade destas tres linguas, para o que se precisa a unanimidade dos Vinte e sete.

España fechou o pasado decembro a súa presidencia semestral da UE sen lograr a reforma do regulamento lingüístico europeo para engadir o catalán, o euskera e o galego como linguas oficiais da Unión Europea á espera das análises xurídicas, prácticas e financeiras que as capitais reclamaron para examinar a cuestión a fondo.

De feito, varias delegacións europeas lamentaron entón que o asunto seguise na orde do día a pesar da falta de avances e de non contar coa información precisa sobre o impacto legal, práctico e financeiro para abordar unha reflexión de fondo.

Nese contexto, Bélxica non ten previsto elevar o asunto de novo ao debate a nivel de ministros mentres non se dean a nivel técnico os avances que reclaman outras capitais para analizar a petición de fondo, incluídos informes dos servizos xurídicos do Consello e avaliacións de custo e impacto.

Comentarios