DI QUE AGORA é UNHA FORZA QUE DEFENDE O RéXIME

Garzón ataca Podemos, co que IU vai en coligazón na Galiza e Catalunya

Entrevista a Garzón en El País
photo_camera Garzón, minutos antes da entrevista. Foto: @agarzon

O discurso de Garzón na precampaña e presumibelmente en campaña é que IU é a esquerda e as outras forzas estatais converxen cara ao centro, "parécense cada vez máis entre si", dixo nunha entrevista en El País. O líder de IU acha que ao viaxaren rumo ás zonas máis tépedas do espectro eleitoral "as súas propostas [as de PSOE, Podemos e Ciudadanos] son cuase indistinguíbeis".

Carga duramente Garzón, como era previsíbel, contra Ciudadanos, formación á que cualifica de "liberal reformista" e da que di que ten un proxecto "moi perigoso". Mas as súas críticas apontan tamén ás posicións de Podemos: "Queren facer unha reforma parcial da Constitución sen tocar o máis importante, as estruturas de poder".

As propostas de PSOE, Podemos e Ciudadanos, ao viaxaren cara ao centro, son cuase "indistinguíbeis", argumenta Garzón

Podemos, a xulgar por Garzón, xa non está pola transformación do réxime do 78, antes ao contrario, milita na causa da súa preservación: a formación dos círculos, di o líder de IU, fai parte dos partidos "que partillan os elementos estruturais de defensa do réxime". Eses elementos, enumera, serían "a OTAN, o libre mercado no sector eléctrico ou a gabanza da cultura da transición".

En política laboral, Garzón chega mesmo a emparentar as propostas de Ciudadanos e Podemos. Así, en relación ao plus salarial para as nóminas máis baixas que defende Rivera, o candidato de IU afirma: "Ese complemento que defenden quer Ciudadanos quer Podemos é un modelo neoliberal de subvención aos empresarios absolutamente perverso para a economía e os traballadores. O Estado -ou sexa ti e eu, e nós- estamos contratando para que a empresa fique co beneficio. É unha estafa".

Comentarios