García Buitrón agarda que haxa alternativas a Beiras nas primarias da Marea

O portavoz da xestora de Podemos en Galiza, José García Buitrón, pronunciouse este sábado arredor do debate que ten lugar na Marea sobre as eleccións primarias para elixir candidato ou candidata á presidencia da Xunta. Sobre Beiras, sinalou que agarda que haxa alternativas.

[Imaxe: Radio Galega] Buitrón

“Beiras posicionarase ou non, mais até onde pode chegar é a posicionarse. A primeira decisión é súa, pero despois correspóndenos aos demais”. Así contestaba José García Buitrón, senador e portavoz da xestora de Podemos na Galiza á posibilidade de que Xosé Manuel Beiras, portavoz de Anova e portavoz parlamentar de AGE, se postule como candidato ás eleccións primarias que teñan lugar no seo da Marea de cara ás eleccións galegas.

Nunha entrevista concedida a Radio Coruña-Cadena Ser, Buitrón contestoulle á xornalista Consuelo Bautista que Beiras é un “éxito” desde o punto de vista “político, social e intelectual”. “Non se posicionou dunha maneira clara. Se se posicionase, os demais decidiriamos pero eu penso, persoalmente, que non se vai presentar. El tamén o expresou moitas veces”, engadiu.

Sobre Beiras: "Espero que haxa máis candidatos entre os cales poidamos decidir. Non sei se estará el ou non, pero gustaríame que houbese máis alternativas"

O senador e portavoz da xestora de Podemos asegurou que Beiras “paréceme unha persoa da cal un pode dicir moi poucas cousas malas, pero creo que hai que abrir outras etapas políticas, renovar imaxes e expresións políticas. E nese sentido, espero que haxa máis candidatos entre os cales poidamos decidir. Non sei se estará el ou non, pero gustaríame que houbese máis alternativas”.

Preguntado por se el se ve como candidato da Marea á presidencia da Xunta, apuntou: “Eu cando estou nos sitios estou. Non estou disposto a ser candidato. Tampouco estaba disposto a ser xerente do hospital e funo; non estaba disposto a ser senador e funo. Non estou disposto a ser candidato e xa veremos se o son. Cando se dean as circunstancias e se eu vexo que teño que tomar unha decisión, tomareina. Non é o momento”.

Situación de Podemos na Galiza

Arredor de Podemos na Galiza, García Buitrón asegurou que as pugnas políticas por liderar a formación no país representan “un problema de crecemento e de etapas políticas”. Admitiu que durante as negociacións con outras forzas políticas á hora de formar coligazóns “expresamos debilidade desde o punto de vista das nosas fortalezas".

"Aí é onde entendemos que hai que iniciar outra etapa desde o punto de vista da representatividade. Non estamos dando a talla necesaria desde o punto de vista da fortaleza política”, salientou. Engadiu que deste contexto xurdiron as eleccións internas.

Comentarios