Eleccións

Radiografía das candidaturas, máis ou menos públicas, do 5-A

A Xunta Electoral xa ten as listas definitivas de todos os partidos cara as eleccións galegas.
A última sesión de control ao Goberno (Arxina).
photo_camera A última sesión de control ao Goberno (Arxina).

Alea iacta est. As forzas políticas galegas xa rexistraron as súas candidaturas para as eleccións do 5 de abril. Con máis ou menos repercusión, houbo roces en todos os partidos, que agora collen ritmo electoral para deixar atrás as diferenzas de criterio. Porque se algo funciona ben (ou non) na política é a disciplina de partido.  

Todas as forzas políticas apuraron até os últimos días para presentar as súas candidaturas para as eleccións galegas do 5 de abril. Houbo quen escenificou unha pugna pública, mais a maioría das contrariedades ficaron nos debates internos dos partidos.

A chamada disciplina de partido está moi ben engraxada no Partido Popular da Galiza, onde o candidato á reelección, Alberto Núñez Feixoo, elixiu unha por unha as candidatas, que xa están por todas as redes sociais dos populares nuns carteis nos que as siglas do PP son case imperceptíbeis para o ollo humano.  Semella que Feixoo se presentase por un partido co seu mesmo nome nunha circunscrición única que é a Galiza, pois o Partido Popular non aparece por ningures na súa propaganda electoral. O que tampouco aparecen son nomes de Ciudadanos nas listas populares (salvo o primeiro suplente pola Coruña, que estivo en Cs e vai como independente, Juan José Chouz), pois o pacto non foi posíbel e a formación laranxa concorre pola súa banda.

Xunto a Feixoo, catro mulleres lideran as listas populares. A até o de agora delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, é a súa número dous por Pontevedra. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, é a candidata pola Coruña; a alcaldesa de Mondoñedo e presidenta do PP lucense, Elena Candia, lidera a candidatura por Lugo; e a até hai uns días delegada territorial do Goberno galego en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, repite  como a número un ourensá.

De feito, Feixoo inclúe todas as súas conselleiras nas listas, como xa fixera en 2016. Incluso ao conselleiro de Sanidade,  Jesús Vázquez Almuíña, a quen toda a oposición lle reclamou a dimisión durante a lexislatura; e ao secretario xeral de emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presuntamente vinculado coas irregularidades detectadas polo Tribunal de Contas nas axudas a españois en Venezuela de 2015. Tamén ao seu vicepresidente na Xunta, Alfonso Rueda, esta vez número tres por Pontevedra para que catro mulleres figuren xunto a Feixoo; e ao presidente do Parlamento da Galiza, Miguel Santalices, que vai de número dous por Ourense. Para ser o partido con, supostamente, menos problemas para elaborar as listas, o PP fíxoas públicas pasadas as oito da tarde desta segunda feira. A conciliación, case como tabú no que á información política se refire, debería ser un dos temas destacados na campaña.

Esa disciplina de partido tamén lle funcionou ben ao PSdeG porque Gonzalo Caballero puido contar coas persoas que quixo, máis aló das suxestións aportadas polas direccións territoriais das socialistas galegas. Así, o candidato á Presidencia da Xunta, que concorre por Pontevedra, contou nesta circunscrición coa concelleira de Igualdade de Vigo, Isaura Abelairas, como número dous, mais non coa deputada María Pierres. E incluíu á xornalista viguesa Noelia Otero, que recentemente se incorporara ao laboratorio de ideas socialista. Caballero tivo liberdade para modificar as listas socialistas en todas as circunscricións, que incorporan a máis mulleres ca nunca.

O debate interno máis público foi o da coalición Galicia en Común-Anova-Mareas. Por parte de Podemos quedou claro desde o comezo que o candidato era Antón Gómez-Reino, que as deputadas Luca Chao e Marcos Cal ían repetir en postos de saída e que David Bruzos sería o número un por Ourense. Esquerda Unida situou rapidamente a Eva Solla de cabeza de lista por Pontevedra e a Vanesa Somoza de segunda por Lugo, entre outros postos de saída que lle corresponden.

As maiores dificultades chegaron desde a formación fundada por Xosé Manuel Beiras, Anova, e desde as mareas das cidades Compostela Aberta e Marea Atlántica. O número tres na lista da Coruña foi a gran dúbida das nacionalistas de Anova, finalmente nese lugar concorre o ex alcalde de Compostela, Martiño Noriega. Mentres que o actual portavoz da formación, Antón Sánchez, fica fóra da candidatura ao Parlamento. Miguel Anxo Fernán Vello lidera a lista de Lugo e Iria Figueroa, que vén do BNG e dirixiu a organización nacionalista estudantil Erguer, vai de número dous por Pontevedra. De parte da Marea Atlántica, o elixido foi Xan Xove, que figura no quinto lugar da lista pola Coruña.

O BNG exemplificou a súa "apertura" ás soberanistas que quedan sen referentes ao apartarse En Marea da carreira electoral coa incorporación da ex deputada no Congreso Alexandra Fernández, que chegou a Madrid da man de En Marea e traballou no grupo confederal de Unidas Podemos. Xunto a ela entra no partido nacionalista xente que pasou por Anova e pola FPG.

Ciudadanos e o PP, desencontro definitivo

O desencontro definitivo entre PP e Ciudadanos saldouse con versións contraditorias. Segundo os populares Cs fixo peticións "inasumíbeis", como catro postos de saída, unha asignación orzamentaria para contratar os seus propios asesores e unha consellaría do futuro Goberno de Alberto Núñez Feixoo. Porén, desde Cs aseguran que foi o PP quen "só falaba de cargos e cadeiras". O PP tivo claro desde o inicio que non ía permitir que Cs se valese das súas candidaturas para lograr escanos. E Ciudadanos elaborou as súas candidaturas con Beatriz Pino para a Presidencia da Xunta e no primeiro posto da lista por Pontevedra. O actual portavoz no Concello de Ourense, José Araújo, que foi tenente de alcalde co popular Jesús Vázquez, vai liderando a lista ourensá. Carmen Mahía, que foi na lista ao Senado, vai pola Coruña e José Ángel Gómez por Lugo.

Comentarios