Gómez Reino quer mudar o Goberno da Xunta para poder mellorar a vida da diáspora

En Común anuncia un plan de retorno da emigración
Gómez-Reino nun dos encontros coa comunidade na Arxentina (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Gómez-Reino nun dos encontros coa comunidade na Arxentina (Imaxe: Nós Diario)

Á outra banda do mar atópase até hoxe o candidato á Presidencia da Xunta pola coalición Galicia En Común-Anova Mareas, e actual deputado no Congreso Antón Gómez-Reino. Na súa viaxe á Arxentina animou a facer posíbel "un cambio político" en San Caetano o vindeiro 5 de abril para facer avanzar os dereitos das galegas e dos galegos no exterior. 

O candidato Gómez-Reino regresa precisamente hoxe a Madrid, após dous días no país suramericano, onde mantivo un encontro na segunda feira en Bos Aires con colectivos da diáspora galega. Reuniuse tamén con representantes do Goberno arxentino, aseguraron nun comunicado público desde a confluencia, e xuntouse ademais con militantes de Esquerda Unida e de Podemos no país do Río da Plata. 

O actual deputado na Cámara Baixa e candidato presidencial á Xunta afirmou que a comunidade galega na Arxentina está "moi viva" e amosouse "satisfeito" de poder comprobar "o traballo que desenvolve a colectividade galega no país" e puxo como exemplo "o colexio Santiago Apóstolo, onde a xente se autoorganiza cun modelo educativo que aposta polas nosas tradicións e a nosa cultura e fai que pervivan, así como o exemplo da Federación de Sociedades Galegas que manteñen un programa importante por toda a Arxentina como actores fundamentais". 

Aliás, o candidato Antón Gómez-Reino comprometeuse a impulsar desde o futuro Executivo galego un "plan de retorno para a emigración galega" para que todas as persoas que tiveron que marchar poidan, de así o desexaren, tornar á Galiza. 

Comentarios