Investidura de Rueda

Formoso critica a "autocompracencia" dun Rueda "falto de ilusión e sen mensaxe de futuro" para a Galiza

O líder socialista afea que o candidato a presidir a Xunta "limitase" as súas medidas para a mocidade a "ofrecer bonificacións en albergues e 12.000 prazas en campamentos". "A mocidade precisa oportunidades de futuro", dixo.
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
photo_camera O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, esta terza feira, no Parlamento. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, criticou o discurso "autocompracente", "falto de ilusión" e sen "mensaxe de futuro para a Galiza" do candidato á Presidencia da Xunta, Alfonso Rueda. "Parécenos doutra época", sostivo o líder dos socialistas galegos tras a intervención de Rueda, a quen afeou que as súas medidas para a mocidade se limiten a ofrecer "bonificacións en albergues" e "12.000 prazas en campamentos".

"A mocidade ao que aspira é a que nesta casa [o Parlamento] se fale das súas oportunidades de futuro, do modelo económico da Galiza do futuro", sostivo.

Nesta liña, referiuse tamén aos anuncios feitos por Rueda en materia educativa. Así, destacou que o PSdeG apoiará as medidas anunciadas fronte ao acoso escolar, pero censurou que non se falase de "remodelar" o sistema educativo ou de como "recuperar" as prazas de profesorado "desaparecidas".

En materia de política social, afeou que, tras as "imaxes dramáticas" que se viron nas residencias de maiores durante a pandemia, Rueda só se referise aos centros que construirá a Fundación Amancio Ortega nas cidades galegas, sen facer "nin unha soa referencia" á creación de prazas públicas.

"Vive no seu mundo particular cando asegura que as enquisas din que a poboación galega está encantada coa Atención Primaria", afirmou Formoso, que censurou que esta rama da sanidade estea reducida a unha "simple liña de atención telefónica", na que os galegos teñen que esperar "até 14 días" para poder ter unha cita presencial co seu médico de cabeceira. "Nunca tal mal estivo o sistema de atención primaria na Galiza", apuntou.

Após formular estas críticas, Formoso deixou claro que o PSdeG non só acode a "sinalar os problemas", senón que volveu a ofrecer a Rueda chegar a acordos en materia económica, de política social e na atención primaria.

Xunto a Formoso, que non é deputado na Cámara galega, compareceu o portavoz parlamentario socialista, Luís Álvarez, quen cualificou de "previsíbel" o discurso de Rueda". "Responde a un proxecto esgotado", sinalou. Álvarez sostivo que se trata da "repetición dun discurso de investidura" polo que o Parlamento xa pasou "hai dous anos", en referencia ao de Alberto Núñez Feixoo.

Comentarios