Reter o talento, a saúde e os maiores, os deberes do PSdeG ao novo presidente da Xunta

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, asegurou que o PSdeG estará ao lado de Rueda se aposta por un modelo económico baseado na investigación, no talento e en reter a mocidade galega.
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, á súa chegada ao Parlamento para a toma de posesión de Alfonso Rueda (Foto: Nós Diario).
photo_camera O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, á súa chegada ao Parlamento para a toma de posesión de Alfonso Rueda (Foto: Nós Diario).

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, pediu ao novo presidente da Xunta de Galiza, Alfonso Rueda, que conforme un goberno "comprometido" coa Galiza, "á altura dos galegos e das circunstancias actuais", e que estea baseado no "talento e na capacidade".

Ás portas do Parlamento galego antes de asistir á toma de posesión de Rueda como novo líder do Executivo, Formoso desexoulle "todo o acerto", xa que repercutirá "no beneficio dos galegos", dados "os retos tan relevantes" que deberá afrontar.

Desafíos vinculados á economía e ao cambio de modelo económico, explicou o líder socialista, que asegurou que o PSdeG estará "ao seu lado" se aposta por "un modelo económico baseado na investigación, no talento e en reter a mocidade galega e investigadora para dar soporte técnico e produtivo á economía galega".

Formoso instou tamén a Rueda a recuperar a atención primaria, "un dereito que non estaba en cuestión".

A este respecto, González Formoso sinalou que os galegos deberían poder acceder a un diagnóstico no seu centro de saúde "nun tempo razoábel, que valoramos en 48 horas", e que este sexa "principalmente presencial e non telefónico".

Solicitou tamén "incrementar a tutorización e a presenza pública nun dos sectores da sociedade máis vulnerábeis e que máis sufriu coa pandemia: a xente maior", para a que pediu "maior protección social".

"O contexto europeo e socioeconómico é difícil, complexo, pero temos instrumentos útiles como son os fondos europeos de recuperación, que supón unha oportunidade clara de intensificar a presenza do tecido produtivo galego. Nese camiño vai estar o PSdeG, traballando para liderar e achegar, pero esixindo compromiso co país", apuntou Formoso.

Comentarios