Os fondos sen executar en Vivenda pola Xunta permitirían facer 4.700 pisos públicos

O BNG e o PSdeG cuestionan as políticas industriais e de vivenda.
rueda ponton alvarez

Política de vivenda e política industrial. O BNG e o PSdeG preguntaron onte ao presidente da Xunta da Galiza de política, un termo ao que o PP ten recorrido no Parlamento —a ágora política por excelencia— para intentar descualificar o argumentario da oposición. Política como equivalente a partidismo, barullo, enfrontamento. O serio é 'xestionar', que é o que fai o Goberno galego, defenden os populares.

Mais onte na sesión de control ao presidente Alfonso Rueda tivo que responder sobre as políticas industriais e de vivenda do seu Executivo. 

Ana Pontón (BNG) cargou contra unha política industrial da Xunta que non existe como tal. "Con vostedes a Galiza fica atrás, tamén no sector industrial", sinalou a portavoz nacionalista. Lembrou que o Goberno galego prometera en 2014 crear 50.000 empregos industriais mais a realidade é que "se destruíron 20.700". Pontón debullou con datos varios "incumprimentos" máis a respecto da industria. "Dixeron que ían levar o peso da industria a 20% do PIB e está en 15,5%, máis baixo que cando fixeron a promesa", afirmou.

A produción industrial cae na Galiza e aumenta no Estado mentres que hai un proceso de "desgaleguización" de empresas, "o último exemplo, Nova Pescanova", sen que "vostedes movan un dedo", denunciou a líder da oposición. Cifrou en 41% os orzamentos da partida de Economía, Empresa e Promoción que ficaron sen executar e lamentou que a aposta de Rueda sexa ir de xira por Latinoamérica "regalando gorros do Xacobeo e promovendo o espolio eólico". Fechou a intervención cun consello ao presidente: "Menos samba e máis traballar".

"Sexan menos nacionalistas"

Na réplica, o titular da Xunta acusou a portavoz do BNG de usar "cifras falsas" e de aboarse ao "non, e despois outro non" a calquera proxecto industrial para a Galiza —"madeireiro, eólico, extractivo"— e acusou o nacionalismo de "facer todo o posíbel" para que "as familias que dependen de Ence acaben no paro". Alfonso Rueda tamén quixo rematar a súa quenda cun sorprendente e contraditorio consello: "Sexan un pouco menos nacionalistas e un pouco máis galegos".

A outra política do Executivo cuestionada onte na sesión plenaria foi a de vivenda. Luís Álvarez, portavoz na Cámara do PSdeG, falou dunha "situación desastrosa" nestes 14 anos nos que "non se deu resposta" a unha necesidade avalada polos 16.000 demandantes que hai rexistrados na Galiza de pisos de protección.

Álvarez afirmou que o Goberno galego deixou sen executar 470 millóns en materia de vivenda, unha cifra que calculou que permitiría facer 4.700 pisos de protección. Contrapuxo esta situación ao "compromiso" do Goberno estatal, que vai pór na Galiza 1.280 inmóbeis da Sareb para aluguer social. Rueda, na réplica, rebaixou ese número a "45 que poden ser habitábeis".

O presidente cualificou o socialista como un "fiel servidor de Pedro Sánchez" e afirmou que o Goberno español está a facer un "electoralismo descarado con este tema". A Xunta, non, asegurou. E anunciou que hoxe o DOG ía publicar unha liña de axudas para a vivenda.

Comentarios