A fiscalía pide dez anos de inhabilitación para o retirado Baltar

O ex presidente da Deputación de Ourense e líder histórico do PP na provincia é acusado de prevaricación polas contratacións a dedo no ente provincial.  

José Luis Baltar
photo_camera José Luis Baltar

José Luis Baltar, o home forte do PP na súa fortaleza da provincia de Ourense durante lustros, pode rematar a súa carreira política cunha condena. Xulgado por prevaricación, a fiscalía pide que se lle impoña a pena máxima de dez anos de inhabilitación, que na práctica non tería máis efecto que o simbólico -que non é pouco- posto que Baltar pai está xa retirado da actividade política, non sen antes deixar todo atado en favor do seu fillo, obxectivo para o que antes tivo que gañar o congreso para o cal, supostamente, axudouse das contratacións que agora o sentan diante dun xuíz.

O fiscal xefe de Ourense, Florentino Delgado, realizou ao comezo da presente semana esa petición após revisar toda a información referente a eses 104 postos de traballo presuntamente irregulares na Deputación nas vésperas do conclave popular. Logo dese congreso foi cando, en vista do que podía pasar, Baltar pai deixou totalmente a política e mesmo a militancia no PP en canto se fixo evidente o horizonte xudicial que lle esperaba.

Agora, a fiscalía pide dez anos de inhabilitación despois de que a defensa do encausado solicitase sen éxito o arquivo da causa e que o xuíz instrutor afirmase  nun auto que existen “indicios de criminalidade” nos feitos, que o propio Baltar sabía que ían en contra da legalidade, segundo o texto. 

Comentarios