18-F

Feixoo e Rueda piden un apoio "masivo" ao PP para que Galiza siga "cun modelo que funciona"

"Menos egoísmo e máis xenerosidade, menos frivolidade e posturitas e máis responsabilidade. Menos soberanismo e fractura, e máis autonomía!", proclamou o líder do PP estatal.
Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feixoo, este sábado, na praza de Touros de Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feixoo, este sábado, na praza de Touros de Pontevedra. (Foto: Nós Diario)

O líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, pediu este sábado para o seu sucesor á fronte do partido e da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, aspirante á reelección nas eleccións galegas logo de que dimitise en 2022 para pasar a liderar o partido desde Madrid, o voto "masivo" que lle permitiu lograr catro maiorías absolutas na Galiza. Iso si, cun aviso: "Alfonso Rueda é a resposta que non queren escoitar Pedro Sánchez nin os nacionalistas o 18 de febreiro".

Nunha praza de touros de Pontevedra á que asistiron 14.000 persoas segundo a organización, Feixoo reivindicou a "obra" feita na Galiza nos últimos anos, unha "obra" impulsada entre "todos", pero da que se fixo partícipe, dado que dirixiu o Goberno galego desde 2009 até o seu salto á política estatal, e apelou a "votar" para que "España siga o camiño que sempre ensinou Galiza".

Non en balde, reivindicou que Galiza é como é "froito do esforzo e do inconformismo dun pobo que non se para ante ningunha circunstancia". "Así é Galiza. E o que pedimos é o voto para que ninguén veña a cambiarnos. Somos o que queremos ser, non temos ningún complexo", remarcou, antes de recalcar que Rueda é "a resposta" que necesita o país e a que "non quere escoitar" Sánchez o 18-F.

Así, advertiu de que, mentres Sánchez "só mira polo seu interese, Rueda só mira polos intereses de Galiza". "Galiza non necesita máis gobernantes como Sánchez e os seus socios. Non necesita aquí un Puigdemont con outro nome. E en España o que se necesitan son máis servidores públicos como Alfonso Rueda e todos e cada un dos conselleiros que o acompañaron estes anos", dixo.

"Menos egoísmo e máis xenerosidade, menos frivolidade e posturitas e máis responsabilidade. Menos soberanismo e fractura, e máis autonomía!", apelou, antes de pór o foco tamén nos nacionalistas, de quen afirmou que tampouco queren a "resposta" de Rueda.

"Sexas de esquerdas ou dereitas, que ben pode facer a Galiza que o nacionalismo traia até aquí os problemas de fractura social de Euskadi ou de Cataluña? Ningunha. E se pense o que se pense, que ben lle pode facer á nosa terra o desgoberno que estamos a vivir en España? Ningún. Pois hai unha resposta que si pode evitar estas cuestións na Galiza e está aquí: Alfonso Rueda", apelou.

Pola súa parte, Rueda asegurou que non vai "meter Galiza en camiños sen saída" e que vai "evitar os batifondos" que, asegurou, ven desde aquí. O candidato do PP defendeu que Galiza non é "máis que ninguén", pero "tampouco vai ser menos".

"Aquí a 'vaquiña' polo que vale", manifestou, antes de sinalar que este é "unha mensaxe que Pedro Sánchez ten que ter clarísima". "Aquí non hai que traer modelos de fóra que crispan. Aquí temos un modelo propio que funciona e queremos reivindicalo; é o que nos gusta e é o que funciona", afirmou.

Comentarios