Debate de investidura

De tractores gripados e ministerios: que ofreceu Feixoo ao PNV a cambio de apoiar a súa investidura?

"Quizais algún día conte o que nos chegaron a ofrecer hai un par de meses", deslizou esta quinta feira Aitor Esteban, sobre a oferta que lle trasladaría o PP para apoiar a investidura de Feixoo. O líder popular, porén, négao.
Alberto Núñez Feixoo saúda Aitor Esteban no seu escano no Congreso. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo saúda Aitor Esteban no seu escano no Congreso. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

O líder do PP, Alberto Núñez Feixoo, reiterou esta quinta feira que non negociou "nada" co PNV porque os jeltzales se negaran a facelo mentres Vox apoiase a súa investidura. Unha afirmación, porén, que contrasta co defendido hoxe mesmo desde a tribuna de oradores do Congreso polo portavoz da formación vasca, Aitor Esteban: "Quizais algún día conte o que nos chegaron a ofrecer hai un par de meses".

Fontes coñecedoras da negociación citadas polo xornal El Diario Vasco confirmaron —extraoficialmente— que si existiu un importante ofrecemento dos populares: un ministerio. Máis concretamente, o de Industria. "E máis", sinalan outras fontes consultadas por eldiario.es. O propio PP deslizara en agosto a posibilidade de que o PNV presidise o Congreso a cambio do seu apoio. Todo iso despois de mostrarse Feixoo fortemente crítico con Pedro Sánchez polos seus pactos con formacións nacionalistas e de insistir en que non foi presidente porque non quixo.

Hoxe, na súa intervención ante o hemiciclo no debate de investidura de Sánchez, Aitor Esteban amagou con revelar a oferta completa dos populares —sen confirmar se estivo sobre a mesa o Ministerio de Industria nin se houbo máis promesas— e, botando man da súa habitual retranca, dixo que o PP ten "o tractor gripado por usar o aceite Vox", en alusión aos seus pactos de goberno coa extrema dereita. E Feixoo respondeu, deixando tamén entrever a súa oferta pasada: "Eu ao PNV ofrecíalle un tractor novo".

Previamente, Feixoo reprocháralle que pasase "do tractor á fouce e o martelo", para ilustrar o apoio do PNV a un novo Goberno de coalición do PSOE con Sumar. E máis tarde, ao ser preguntado expresamente pola oferta do PP aos jeltzale, volveu defender que o seu partido non negociou cos nacionalistas vascos. "O PNV díxonos que mentres Vox votase 'si' á nosa lexislatura, non cabía a negociación, e por tanto sorpréndeme moito que, non negociando, alguén diga que si se negociou, salvo que eles negociasen con outros", precisou.

O líder da formación conservadora incidiu en que con el non negociou "nada" o presidente do PNV, Andoni Ortuzar, con quen se reuniu a primeiros de setembro. "E poño por testemuña a conversación de ambos", apostilou. Preguntado entón se está a mentir Aitor Esteban, Feixoo rexeitouno, e aproveitou para atacar o presidente do Goberno: "Eu non dixen que estea a mentir, para iso tería que ser Pedro Sánchez".

Feixoo admitiu que lle gustou "moito" a cita do tractor de Esteban. "E creo que o señor Aitor Esteban ten tractores antigos, porque os tractores novos non se gripan cando falta aceite. Aos tractores novos cando falta aceite simplemente se lles para o motor", engadiu. O PNV, apuntou, "prefire ser un elo" e "quizais o último dun tractor vello". "Pero eu ao PNV ofrecíalle un tractor novo, aquel que se para cando non ten aceite", remarcou.

"Se queres gran, Aitor..."

A alusión ao mundo rural, e particularmente aos tractores, non é nova no Congreso. O propio Aitor Esteban protagonizou en 2016 un peculiar 'cara a cara' co daquela presidente do Goberno, Mariano Raxoi, na súa sesión de investidura. "Se ben me queres, Mariano, dá menos leña e máis gran" ("Si bien me quieres, Mariano, da menos leña y más grano"), espetáralle o nacionalista, ao que Raxoi respondeu: "Se queres gran, Aitor, deixareiche o meu tractor" ("Si quieres grano, Aitor, te dejaré mi tractor"). E sentenciou: "É o único que se me ocorre a estas horas da tarde".

Comentarios