Feijóo recurtou nun 24% os fondos para seguridade e saúde laboral nuns anos nos que aumentou a sinistralidade

Desde 2012 Galiza acumula catro anos consecutivos de alza en sinistros laborais mortais. Os fondos para o instituto de seguridade e saúde laboral reducíronse case unha cuarta parte de 2011 a 2015.

sinistralidade laboral

O 28 de abril, quinta feira, é o Día internacional de saúde e seguridade no traballo. Un campo no que fica aínda moito por facer, como amosan as estatísticas. A siniestralidade laboral bateu récords en Galiza en 2015, un ano no que os traballadores e traballadoras falecidos no noso país en accidentes laborais foi o máis elevado dos últimos anos: 64. En todo o 2014 (doce meses, de xaneiro a decembro), a cifra de traballadores mortos foi de 59. En 2013 foron 47 e en 2012, 45. Así pois, o noso país acumula catro anos consecutivos de aumento nas cifras de mortalidade por sinistralidade no traballo.

E o 2016 entrou con malos datos de sinistralidade laboral na Galiza. Xaneiro deixou un total de 1.780 sinistros laborais de carácter leve no noso país, un lixeiro descenso a respeito do mesmo mes 2015 (rexistràranse 1.795). Mais en sinistros graves houbo un aumento: 37 en xaneiro de 2016 -máis dun cada día- fronte aos 24 de 2015 e os 29 de 2014. Un aumento do 54%. Tamén nos accidentes con resultado mortal xaneiro comezou peor que este mes de anos anteriores. O primeiro mes do ano deixou 3 traballadores mortos en sinistros laborais, un máis que en xaneiro de 2015 (2 falecidos).

Recortes, precariedade, temporalidade, reformas laborais restritivas... son algúns dos factores que denuncian desde os sidnicatos á hora de analizar todos estes datos. Perante esta realidade, a Xunta mantén a redución dos orzamentos dedicados á prevención de riscos laborais. Un exemplo son os destinados ás actividades desenvolvidas polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) a prol da seguridade e saúde no traballo, que UXT denuncia que pasaron dos 7.400.000 euros no ano 2011 aos 5.638.000 euros previstos para o ano 2016. Un recorte de case o 24%.

España, no podium de incumprimentos

Un total de 335 traballadores mortos e 2.775 feridos graves desde 2010 a 2015 na Galiza. Estamos falando dun sinistro grave cada día e dun traballador falecido cada seis, aliás dunha media de case 70 accidentes laborais leves cada 24 horas. Unha situación máis que preocupante. Mais no que atinxe a sinistralidade laboral, o Estado espoañol non fai os deberes. O Tribunal de Xustiza Europeo condenou até en tres ocasión o Reino de España por incumprimentos ou por non traspoñer á lexislación interna directrices europeas no ámbito da saúde e seguridade laboral. Tanto por número de condeas como por directivas conculcadas, o Estado español está no podio de incumprimentos. Mesmo ten o ‘privilexio’ de ser o primeiro estado condenado por este Tribunal por estes temas. Perante unha resistencia tal a cumprir en materia de seguridade laboral, non debería sorprender que nos atopemos nunha realidade tan preocupante.   

Comentarios