Ex dirixentes de Vox aseguran que Santiago Abascal autorizou a entrada de neonazis na formación de extrema dereita

Non é a primeira vez que se fai referencia aos vínculos de Vox con formacións e elementos neonazis e fascistas.
O presidente de Vox, Santiago Abascal. (Foto: Europa Press)
photo_camera O presidente de Vox, Santiago Abascal. (Foto: Europa Press)

O programa ‘Salvados’, de La Sexta, recolleu no día de onte as intervencións de varios ex dirixentes de Vox, que analizaron os primeiros anos da formación política de extrema dereita e a súa evolución ao longo do tempo.

Neste sentido, os catro entrevistados -Juan Jara, Luis Miguel Núñez, Nuria Almagro e Fernando Moya- coincidiron en sinalar o réxime autoritario implantado polo actual presidente de Vox, Santiago Abascal, e o seu persoal de confianza á hora de tomar decisións sobre os pasos políticos do partido.

Jara, que exerceu de vicepresidente primeiro e portavoz nacional de Vox nos seus inicios, cargou contra a dirección da formación política por actuar de maneira “opaca” á hora de presentar as súas contas, e asegurou que “Vox é a conta de custos de Abascal”.

Para o ex vicepresidente primeiro do partido de extrema dereita, a formación é actualmente un “chiringuito” ao servizo do seu presidente, que “hai cinco ou seis anos estaba desaloxado porque non podía pagar unha casa en propiedade e agora nada na abundancia”.

Entrada de neonazis en Vox

Porén, o principal titular do programa, segundo coincidiron numerosos xornais do Estado español, deuno Fernando Moya, ex portavoz de Vox en Barcelona. Moya relatou como a formación permitiu a incorporación de neonazis pertencentes a Plataforma x Catalunya (PxC) despois de que Abascal o autorizase.

Preguntado polos motivos que levaron a integrar militantes dunha formación abertamente xenófoba, Moya non dubidou en afirmar que “o fixeron simplemente por financiamento, porque necesitaban diñeiro e PxC tiña bastantes cartos naquel momento”.

Non é a primeira vez que se fai referencia aos vínculos de Vox con formacións e elementos neonazis e fascistas. O ex secretario xeral de Vox, Javier Ortega Smith, mantén vínculos desde a década dos oitenta coa Falanxe española, fundada por José Antonio Primo de Rivera, do que Ortega Smith pronunciou loanzas en numerosas ocasións.

Non é o único. Outros dirixentes de Vox en diferentes puntos do Estado español están directamente relacionados ou a través de integrantes dos seus equipos de traballo cos movementos fascista e neonazi.

Comentarios