O ex director do Igape ficha pola auditora á que encargou traballos desde a Xunta

 

Fernando Guldrís vén de ser contratado pola multinacional da auditoría BDO, após ser cesado como director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), dependente da Consellaría de Economía, Industria e Innovación da Xunta da Galiza. A auditora recibiu nos últimos anos diversos contratos de organismos públicos dirixidos por Guldrís.

10,30 h.-            O director do Igape, Fernando Guldrís, comparecerá, a petición propia, na Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo para informar sobre a Estratexia de internacionalización ata 2025 e as medidas de apoio da Xunta de Galicia ao tecido empresarial galego. 

foto xoán crespo
photo_camera Fernando Guldrís durante unha comparecencia no Parlamento da Galiza. (Foto: Europa Press).

Fernando Guldrís é un veterano en diversos cargos de responsabilidade da área económica da Administración galega. Antes de ser nomeado director xeral do Igape, cargo no que se mantivo entre 2020 e 2023, ocupou a dirección financeira da empresa pública de capital risco Xesgaliza desde 2016 a 2018, ocupando de 2018 a 2020 a máxima responsabilidade nesta compañía.

O anterior director xeral do Igape exerceu de apoderado durante estes anos de diversas sociedades públicas. Así, desenvolveu esta responsabilidade en empresas públicas como a Sociedade para o Desenvolvemento Industrial da Galiza (Sodiga), Galiza Innova Tech, Galiza Iniciativa Emprendedoras ou a Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos da Galiza, mercantil popularmente coñecida por Impulsa, creada polo Goberno galego para o apoio ás iniciativas empresarias xurdidas arredor dos fondos Next Generation.

As sociedades públicas dirixidas por Guldrís contrataron durante este período en diferentes ocasións os servizos de BDO. Segundo denunciou onte o deputado nacionalista Luís Bará, “Xesgalicia contratou con BDO a auditoría das súas contas anuais de 2021, 2022 e 2023 por 98.000 euros máis IVE”. Na mesma liña, indicou que a multinacional fixo “ademais de auditorías en Xesgalicia, en Innova Tech, Galiza Iniciativas Emprendedoras, Sodiga ou Adiante 2000”.

A contratación da Xunta da Galiza con BDO foi sempre un tema que xerou estrañeza dentro do sector da auditoría dada a mala reputación profesional da compañía. Tanto é así que a multinacional foi sometida a un procedemento xudicial e posterior condena por aprobar as contas de Pescanova nos momentos previos a declararse a quebra e a situación de insolvencia da compañía pesqueira.

A denuncia de Bará

Bará advertiu que a fichaxe de Guldrís por BDO, só catro meses despois de ser cesado como director xeral do Igape , supón unha “vulneración clara da lei”. Neste sentido, lembra que “ a Lei de transparencia e bo Goberno indica que durante os dous anos seguintes á data do seu cesamento os altos cargos non poden realizar actividades nin prestar servizos en entidades privadas relacionadas con expedientes sobre os cales ditasen resolucións no exercicio do seu cargo”.

O parlamentario nacionalista indicou que “está claro que o PP non distingue entre o público e o privado” e resaltou que “o caso de Fernando Guldrís é diferente, escandaloso mesmo para os baixos estándares éticos e estéticos”. Nesta dirección, aseverou que “as grandes empresas teñen un asento no Consello da Xunta e viceversa, e que hai unha absoluta conivencia e complicidade que explica moitas decisións por parte do Goberno do PP que favorece de maneira escandalosa e descarada as grandes empresas”.

Os antecedentes de Guldrís no Goberno galego

Fernando Guldrís non é o primeiro responsábel da área económica da Xunta da Galiza que salta ao sector privado nada máis abandonar os seus cargos na Administración pública. Un caso análogo, foi o de Javier Aguilera, director xeral do Igape entre 2011 e 2016, que catro meses após cesar no organismo fichou como parceiro do ex alcalde popular da Coruña, Carlos Negreira, na consultora empresarial Windone Consultores.

Outro tanto, aconteceu coa antiga conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, actualmente socia directora na Galiza da auditora Ernest & Young e membro do consello da eólica Ecoener. Neste sentido, Luís Bará equiparou "o caso Guldrís", co da ex conselleira Beatriz Mato, “que pasou pola pasarela xiratoria do Consello da Xunta ao consello de administración de Greenalia”.

Comentarios