A ex conselleira Rivo deixa a súa acta de deputada tras ser apartada do Executivo galego

Fontes populares confirmaron que a ourensá, que encabezou a candidatura do PP pola súa circunscrición nas eleccións do pasado 18 de febreiro, rexistrou a súa renuncia á acta a primeira hora ante a Mesa do Parlamento da Galiza.
A ex conselleira Elena Rivo (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera A ex conselleira Elena Rivo (Foto: Xunta da Galiza).

A ex conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, un dos nomes que o titular da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, deixou fóra do seu novo Executivo, tampouco será deputada no Pazo do Hórreo nesta XII Lexislatura.

Fontes populares confirmaron que a ourensá, que encabezou a candidatura do PP pola súa circunscrición nas eleccións do pasado 18 de febreiro, rexistrou a súa renuncia á acta a primeira hora ante a Mesa do Parlamento da Galiza.

Á espera de que os populares decidan que conselleiros e conselleiras deixan a acta e de novos nomeamentos para o segundo nivel do Goberno galego, o paso de Rivo fará correr a candidatura pola circunscrición ourensá, onde o PP logrou oito actas. O número 9 da lista ocupábao o ex alcalde do Carballiño (comarca homónima) Argimiro Marnotes.

Rivo protagonizou a ausencia máis comentada da toma de posesión do novo Goberno de Rueda esta segunda feira. Ao acto si asistiron o ex conselleiro Julio García Comesaña e a ex conselleira Ethel Vázquez, agora secretaria na Mesa da Cámara.

Nin un ano no cargo

Rueda 'fichou' a Rivo para o seu Executivo en xuño de 2023, cando tamén fixo a entrada o ex alcalde de Cervo (A Mariña) Alfonso Villares, quen continúa coa carteira de Mar. Os cambios foron propiciados pola decisión do líder do PP e antecesor de Rueda na Xunta, Alberto Núñez Feixoo, de levar a Francisco Conde e Rosa Quintana, dous veteranos do Consello, a Madrid.

Elena Rivo López naceu en Ourense en 1971. É licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade Complutense de Madrid, onde recibiu o premio extraordinario de carreira. Doutora en Administración e Dirección de Empresas (2002), é profesora titular e investigadora no Departamento de Organización de Empresas e Marketing na Universidade de Vigo desde 1999.

Até a súa incorporación á Xunta da Galiza era vicerreitora do Campus de Ourense da Universidade de Vigo. Tamén foi decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense (2013-2019); coordinadora do Máster en Creación, Dirección e Innovación na Empresa da Universidade de Vigo (2011-2014) e comisionada de Coordinación Institucional (2019-2022). No ámbito da política local exerceu como tenente de alcalde e xefa de área de Economía e Facenda no Concello de Ourense no mandato 2003-2007.

Agradecemento dos "servizos prestados"

O portavoz parlamentario do PP, Alberto Pazos, agradeceu á que era conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, os "servizos prestados" e asegurou que deixa "un bo número de amigos" na Cámara galega. Preguntado pola decisión da ex conselleira de renunciar á súa acta como deputada, o voceiro parlamentario dos populares dixo que Rivo quere volver á actividade universitaria.

"Correspóndeme reiterar as palabras de agradecemento polos servizos prestados", dixo Pazos, que sinalou que lle trasladou á ex conselleira, tanto no seu nome como no dos 39 restantes deputados do PP, que a Cámara galega é "a súa casa" e que "deixa un bo número de amigos".

Comentarios