Xustiza

O ex alcalde do PP de Campo Lameiro enfróntase a 7 anos de cárcere por delitos urbanísticos

A Fiscalía acúsao de falsidade de documento público e contra a disciplina urbanística en relación coas obras dunha depuradora, cuxa localización terminou afectando terreos privados dunha sociedade e un espazo público destinado a zona verde.
Julio Sayáns, no centro, acompañado de Alfonso Rueda (esquerda) e Alberto Núñez Feixoo (dereita) nunha homenaxe que lle rendeu o Partido Popular en 2020. (Foto: PP de Campo Lameiro)
photo_camera Julio Sayáns, no centro, acompañado de Alfonso Rueda (esquerda) e Alberto Núñez Feixoo (dereita) nunha homenaxe que lle rendeu o Partido Popular en 2020. (Foto: PP de Campo Lameiro)

A Audiencia Provincial de Pontevedra acollerá a vindeira quinta feira, 13 de xullo, ás 10 horas, o xuízo contra o que fora alcalde de Campo Lameiro (comarca de Pontevedra) durante máis de 36 anos, Julio Sayáns (PP), que se enfronta a sete anos e tres meses de cárcere por delitos de falsidade de documento público e contra a disciplina urbanística en relación coas obras dunha depuradora, cuxa localización terminou afectando terreos privados dunha sociedade e un espazo público destinado a zona verde.

A vista xudicial, que se sinalara con anterioridade para os días 12 e 14 de xullo do pasado ano, aprazouse nesa ocasión por motivos médicos dunha das partes, logo de que tamén fracasase en febreiro de 2022 o intento das partes de alcanzar un acordo de conformidade.

Na causa, por uns feitos que sucederon entre 2013 e 2015, tamén están acusados un enxeñeiro que se encargou do proxecto -para o que se piden catro anos e medio de prisión- e a secretaria municipal -petición de dous anos e medio de cárcere-. Ademais, o fiscal demanda a demolición das obras e a reposición ao seu estado orixinario, así como a inhabilitación e o pagamento dunha multa para os acusados.

Segundo o escrito de acusación, en 2013, ante a necesidade de modificar ou substituír a estación depuradora existente no polígono industrial da Facha, Sayáns -que foi alcalde deste municipio entre 1983 e 2019- encomendou a realización do proxecto a un enxeñeiro, tamén acusado no procedemento, que elaborou a través da súa empresa un anteproxecto en febreiro de 2014.

O pleno do Concello aprobou o anteproxecto e encomendou ao enxeñeiro acusado a obra da mellora da depuradora. O 14 de xullo de 2014, o rexedor ordenou á secretaria municipal -terceira persoa investigada na causa- que efectuase un informe sobre o procedemento a seguir. Ese mesmo día, a secretaria emitiu o certificado sobre a existencia de crédito bastante e un estudo acerca do procedemento de contratación que se debía seguir.

Segundo o fiscal, a investigada "non fixo referencia no seu informe á necesidade da elaboración dun prego de prescricións técnicas por un funcionario municipal nin tampouco manifestou que era en todo caso necesario encomendar a un técnico externo a confección do prego de cláusulas técnicas da obra de non contar con persoal municipal que puidese efectuar esta tarefa".

Así, deron comezo as obras en outubro de 2014, a pesar de que non constaba o prego de condicións técnicas no proxecto, sen que a secretaria fixese reparos á legalidade en Xunta de Goberno local, o que a acusación considera "un absoluto desprezo polas normas administrativas que regulan a contratación de obras públicas e con pleno coñecemento" da vulneración de normas básicas.

Houbo, aliás, un cambio na localización final polo cal a depuradora quedou instalada sobre dúas parcelas, unha das cales era propiedade dunha sociedade privada -e non terreos propiedade do Concello de Campo Lameiro-, mentres na outra "estaba prohibida a instalación de construcións industriais ou fabrís tales como unha estación depuradora", dado que era unha zona pública destinada a zonas verdes.

Comentarios