JOSEP BORRELL

“Que eu saiba o Grupo Prisa non pode cesar aínda o secretario xeral do PSOE”

Duro ataque de Josep Borrell ao Grupo PRISA en xeral e en concreto ao diario El País, rotativo claramente posicionado co sector crítico do PSOE e partidario do acordo con Rajoy.

Josep Borrell. 30 de setembro de 2016

Nunha entrevista na SER, Josep Borrell, defensor da tese de que a secretaría xeral de Sánchez está plenamente vixente, argumentou que non hai ningunha disposición estatutaria que prescriba o cesamento do secretario xeral como consecuencia da disolución da Comisión Executiva Federal.

“Onde está dito nos estatutos que o secretario xeral debe cesar cando a Executiva fica coa metade menos un dos seus membros”, perguntouse enfático, e a seguir deu coa resposta: “En ningunha parte”.

Foi nese momento cando o primeiro gañador dun proceso de primarias na historia do PSOE -derrotou en 1998 o secretario xeral Almunia, aínda que, acosado polo oficialismo, acabaría demitindo- lanzou un duro ataque a El País: “O titular de El País 'Sánchez se atrincheira após o seu cesamento' indúceme unha pergunta: o verbo cesar ten un suxeito. O seu cesamento? Quen o cesou?”, inquiriu o político socialista, quen dixo tamén sentir pena polo "comportamento deste xornal".

Non hai tal destitución, argüíu Borrell. “Ao secretario xeral do PSOE”, explicou, “só o pode cesar o Congreso ou unha moción de censura no Comité Federal plantexada polo 20 por cento dos seus membros e aprobada pola metade máis un”.

"Ao secretario xeral do PSOE só o pode cesar o Congreso ou unha moción de censura no Comité Federal plantexada polo 20 por cento dos seus membros e aprobada pola metade máis un”

Nengún destes supostos se tería producido e “que eu saiba”, acrecentou Borrell, “o Grupo PRISA non pode cesar aínda o secretario xeral do PSOE”. “Este é un titular absolutamente falsario e pergúntome se está escrito por erro ou con intención”, dixo quen tamén fora ministro de Obras Públicas nun goberno de Felipe González.

O diario El País ten editorializado en reiteradas ocasións que a saída ao bloqueo político pasa por unha abstención do grupo parlamentar socialista que viabilice a investidura de Rajoy.

O día despois do golpe de man dos críticos contra Sánchez o xornal de PRISA cualificou o secretario xeral do PSOE de “insensato sen escrúpulos”.

Comentarios